
O secretario xeral do PSdeG reclamou ao Goberno galego que arranquen xa as obras nas Estacións de Tratamento de Auga Potable de Vilamartín e Arcos–Valdegodas e que se active de forma paralela a redacción do proxecto integral de reconstrución e do proxecto de interconexión das captacións de auga
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe á Xunta de Galicia unha resposta “inmediata, seria e á altura da gravidade da situación” que atravesa Vilamartín de Valdeorras, municipio que este verán se converteu na zona cero da vaga de lumes… e que, meses despois, segue sendo tamén “a zona cero da incompetencia do PP”.
Besteiro subliñou que a veciñanza continúa asumindo consecuencias moi duras “mentres o Goberno galego permanece paralizado, sen activar nin as obras urxentes nin a planificación mínima que garantan un abastecemento de auga seguro”. “Vilamartín necesita respostas xa. Non mañá, non a semana que vén. Necesítaas agora”, advertiu.
Neste contexto, Gómez Besteiro subliñou que a Xunta debe activar de inmediato dúas actuacións que considera “prioritarias e inadiables”. En primeiro lugar, reclamou que arranquen xa as obras nas Estacións de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Vilamartín e Arcos–Valdegodas. Insistiu en que se trata da “prioridade absoluta” porque, sen esta intervención, o risco de interrupcións no subministro é “evidente e completamente inasumible”.
“Non é normal que o Concello continúe pendente de que o PP decida cando actuar”, algo que cualificou de inadmisible para unha veciñanza que leva demasiado tempo soportando as consecuencias da inacción.
Ao mesmo tempo, Besteiro esixiu que a Xunta active xa a redacción do proxecto integral de reconstrución e do proxecto de interconexión das captacións de auga. Advertiu de que este traballo técnico é “imprescindible para garantir un subministro alternativo e para construír unha recuperación seria, con garantías e a medio prazo”.
O líder socialista lamentou que o Goberno galego leve meses prometendo avanzar nese proxecto sen dar un só paso efectivo. “Non pode haber máis improvisación nin máis abandono”, afirmou, insistindo en que o municipio precisa planificación real e non anuncios baleiros.
Os incendios de agosto deixaron en Vilamartín unha das pegadas máis profundas de toda a comarca. Alén das hectáreas arrasadas e dos danos ambientais, o lume afectou de forma directa captacións, infraestruturas básicas e zonas sensibles para o abastecemento. Ese impacto, segundo lembrou Besteiro, “non rematou cando se apagaron as lapas”, senón que deu paso a unha etapa na que o municipio vive baixo unha vulnerabilidade permanente, especialmente no que ten que ver coa seguridade hídrica.
Besteiro concluíu reclamando á Xunta “a responsabilidade institucional que lle corresponde” para non prolongar “unha situación inxusta e insostible para un territorio golpeado polo lume e desatendido pola administración autonómica”.