O portavoz do Grupo Socialista acusa ao PP de boicotear a proposta do Goberno de España para investir 380 millóns en vivenda pública, hoxe dende o Senado
O secretario xeral do PSdeG destaca que o Goberno de España evitou presións para aumentar o gasto en Defensa que iría en detrimento da sanidade, a educación e a vivenda. “Un caso máis onde queda patente a insolvencia de Feijóo”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe dunha nova ofensiva do Partido Popular contra as políticas de vivenda do Goberno de España, nesta ocasión no Senado, xusto cando, tras a insistencia do PSdeG e a visita da ministra a Galicia a pasada semana, Rueda aceptou por fin sentarse a falar dun novo plan de vivenda para a comunidade.
Besteiro lembrou que Rueda rexeitou ese plan na conferencia de presidentes. “Lembren que saíu desa reunión dicindo que non ía coa esperanza dalgún tipo de acordo, que só ía pedir o adianto electoral. E a o que se lle ofreceu, que foi un investimento de 380 millóns de euros para vivenda pública, sempre pública, por certo, dixo non”, recordou.
“Que fará Rueda ante ese novo intento do PP nacional? Defenderá os intereses de Galicia ou manterá como reféns da estratexia destructiva de Rueda —ou mellor dito, do seu seguidismo cego a Alberto Núñez Feijóo— a milleiras de familias galegas que necesitan unha vivenda asequible?”, preguntouse.
Neste sentido, advertiu que “Galicia non pode seguir atrapada nese seguidismo cego que fai Rueda do que lle marca Feijóo, Se quere que alguén crea que está á altura do cargo que ocupa, ten que poñerse a traballar polos intereses da xente en Galicia e non polo guión que lle marcan desde Génova.
Besteiro lamentou que a actitude de Rueda non sexa un feito illado, senón a marca da casa nos últimos tempos: “En vivenda levantouse da conferencia de presidentes, négase a cooperar; na condonación da débeda, di que non; e sempre que hai un acordo beneficioso para Galicia, marcha da mesa antes de empezar a discutir”.
Mentres tanto, insistiu, a necesidade é evidente: “Cada día 18 familias apúntanse no rexistro de demandantes de vivenda”, sinalou. Por iso, dende o PSdeG “apostamos por activar o investimento do Estado para impulsar a vivenda pública, desenvolver un plan de choque para a mobilización da vivenda baleira, apostar por un banco público do alugueiro e deixar de entorpecer a aplicación da Lei de Vivenda”. Besteiro tamén apostou por “fomentar a declaración de zonas tensionadas onde é necesario e onde é demandado” e por axilizar o bono do alugueiro”.
Firmeza política e moral na OTAN para protexer o investimento social
Besteiro fixo unha valoración moi positiva do acordo alcanzado polo presidente Pedro Sánchez en materia de defensa e seguridade no seo da OTAN. “Creo que é unha excelente nova para España e unha mostra máis do protagonismo e importancia que ten España no ámbito internacional, neste caso na OTAN e nos países occidentais desenvolvidos”, afirmou.
Explicou que se pretendía que os países incrementasen o gasto en defensa ata o 5% do PIB, algo que España rexeitaba porque condicionaba o investimento en servizos públicos como a sanidade, a educación ou a vivenda. “España mantivo a firmeza política e, se me permiten, tamén a firmeza moral”, dixo Besteiro.
Destacou que a propia carta do secretario xeral da OTAN recoñece que “o próximo cumio dará a España a flexibilidade para determinar o seu propio camiño soberano para acceder ao obxectivo de capacidades”.
Mentres tanto, criticou a indefinición do PP: “Seguimos esperando cal é o criterio do Partido Popular, se é que o ten”. E puxo como exemplo que “en Ferrol se vota en contra das inversións en capacidades para aumentar a nosa seguridade”. “Feijóo demostra o que todo o mundo empeza a percibir: que é un líder absolutamente insolvente”, sentenciou.
“A suma de dous partidos corruptos non dá un goberno limpo”
En relación co chamado caso Koldo, e a preguntas dos xornalistas, Besteiro recoñeceu que o coñecemento de “indicios máis que serios sobre corrupción” provocou “un enorme dor” no partido. Pero aquí viuse “ como afrontan uns e outros estas cuestións, o PSOE fixóo con determinación, apartando a quen comete eses actos, sen prexuízos, pero confiando na Xustiza”. Subliñou que “non todos reaccionan así” e que “o PP ten que afrontar un ano xudicial complicado e complexo, con case 30 causas penais que van afectar a máis de 150 cargos públicos e non nos olvidemos de VOX. Eu teño claro que a suma de dous partido corruptos non dá un goberno limpo”.
“Xuntáronse a fame coas gañas de comer”
Por último, Besteiro foi preguntado pola xuíza Pilar de Lara, despois de que esta publicase nas súas redes sociais unha mensaxe na que aseguraba sentirse vítima dun ataque persoal. O secretario xeral do PSdeG limitouse a lembrar que, tras 12 anos de instrución e máis de 60 tomos xudiciais, o único resultado foi a sanción imposta á propia xuíza polos seus compañeiros no Consello Xeral do Poder Xudicial. Leu literalmente parte da resolución: “Descontrol, inhibición absoluta, desidia mantida no tempo (…), con afectación de dereitos fundamentais de quen foron parte nos procedementos”. E engadiu: “Fíxese vostedes como acabou todo isto: ca única sancionada e condenada, Pilar de Lara”.
Tamén criticou o papel do Partido Popular e, en particular, o de Elena Candia, que foi quen trasladou o anónimo que deu lugar á instrución: “O Partido Popular debe pedir perdón, ainda non o fixo”. E sentenciou: “Nese caso, xuntáronse a fame coas ganas de comer”.