O secretario xeral do PSdeG destacou desde a Feira do Viño a repercusión da produción vitivinícola sobre a economía e o emprego “especialmente en zonas onde existe un problema de despoboamento”
“O Goberno galego ten que estar especialmente atento ao problema coas exportacións e tomar medidas complementarias das que xa adoitou o Estado”, reclamou o líder socialista
O Barco de Valdeorras, 31 de maio de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou hoxe desde O Barco de Valdeorras a repercusión que están acadando, pola súa calidade, os viños da comarca. Momentos antes da inauguración da 26.ª edición da Feira do Viño, en Viloira, valorou o que cualificou de “auténtica explosión do godello”, unha das principais variedades da denominación de orixe. Apuntou, nese senso, “o incremento da exportación cara mercados internacionais”, que confirma, ao igual que acontece coas outras D.O. galegas, “o enorme protagonismo” do mundo do viño en Galicia.
Besteiro sinalou, porén, que ese crecemento enfronta nestes momentos a ameaza dun contexto internacional cambiante, especialmente pola política arancelaria de Estados Unidos. “En torno a 70 millóns estanse facturando cara o estranxeiro”, dixo sobre unhas exportacións que en gran parte dependen do mercado norteamericano. Por iso, invitou non só a negociar, como está facendo a Unión Europea, senón a “tomar medidas complementarias das que está adoitando o Goberno de España” por valor de 14.000 millóns de euros para prestar axuda ás empresas e sectores produtivos afectados.
“A Xunta ten que estar especialmente atenta a esta cuestión, porque a ameaza dos aranceis vai pesar nas exportacións do viño galego”, reclamou o líder socialista, ao tempo que subliñou a importancia do sector en moi diferentes eidos. “Non só xera riqueza e emprego, senón que ademais contribúe ao desenvolvemento de zonas onde existe un problema de despoboamento e de avellentamento da poboación”, argumentou.
José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a demandar e impulsar desde o Partido Socialista medidas que beneficien a un sector que, especialmente no caso da provincia de Ourense, na que se asentan tres denominacións das cinco que existen en Galicia máis parte da de Ribeira Sacra, ten un peso moi destacado na economía da comunidade autónoma, non só debido ao volume de produción, tamén por unha cuestión “de calidade”.