
O secretario xeral do PSdeG contrapón “un Executivo que actúa con 5.000 millóns en medidas reais” fronte a un PP “sen propostas e instalado na crítica permanente”
Lamenta a incoherencia do Partido Popular defendendo unha guerra ilegal e pedindo medidas para paliar os efectos que ten na cidadanía
“O importante son as decisións pensadas para a cidadanía, non as escusas nin as críticas de sempre”. Así valorou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o Plan Integral de resposta á crise de Oriente Medio aprobado polo Goberno de España, un paquete de 80 medidas que mobiliza 5.000 millóns de euros e que entra en vigor de inmediato.
Besteiro puxo o foco nas medidas con impacto máis inmediato, especialmente na redución de ata 30 céntimos por litro nos carburantes, combinada coa baixada de impostos e axudas específicas para sectores como o transporte, o agro ou a pesca, “Falamos de decisións que se van notar desde mañá no peto das familias, dos traballadores e das empresas. Iso é gobernar con responsabilidade”, afirmou.
O líder socialista salientou que este plan constitúe un escudo social e económico “sen precedentes”, ao beneficiar a millóns de fogares e empresas con medidas que abranguen desde a fiscalidade enerxética ata a protección dos consumidores máis vulnerables.
Entre elas, destacou a rebaixa de impostos na electricidade ata nun 60%, a redución do IVE do gas ao 10%, a conxelación do prezo do butano e do propano ou a extensión dos bonos sociais, xunto coa prohibición de cortar subministracións básicas.
“Estamos ante unha resposta completa e coordinada, destinada a conter prezos, protexer á cidadanía e dar estabilidade á economía nun momento de incerteza internacional”, explicou.
Fronte a esta acción de goberno, Besteiro cargou con dureza contra a actitude do presidente da Xunta e do Partido Popular: “Rueda volve chegar tarde. Mentres hai decisións enriba da mesa para baixar carburantes, reducir impostos e protexer ás familias, el limítase a criticar sen achegar nin unha soa proposta propia”, sinalou.
Para o secretario xeral do PSdeG, o discurso do PP sobre a falta de diálogo non é máis que unha escusa para tapar a súa ausencia total de iniciativa. O certo, dixo, é que “levan 16 anos gobernando Galicia e, nun momento clave como este, non teñen nin unha medida que ofrecer. Nin unha. Limítanse a esperar e a comentar o que fan os demais”.
Besteiro denunciou tamén a “incoherencia política” do Partido Popular
Para o secretario xeral dos e das socialistas galegas non é coherente xustificar ou aplaudir decisións internacionais moi cuestionables que teñen consecuencias directas nos prezos da enerxía e, ao mesmo tempo,” vir despois esixir medidas para paliar eses efectos. Iso non é seriedade, é oportunismo”.
Tamén cuestionou o papel de Rueda como presidente: “Galicia non pode ter un Goberno que actúe como espectador mentres outros toman decisións. Precisa un presidente que se implique, que propoña e que estea á altura”.
O líder socialista concluíu cunha mensaxe clara: “Nun momento complexo, hai quen toma decisións para protexer á maioría social e hai quen segue instalado na crítica permanente. E esa é hoxe a diferenza entre o Goberno socialista e o Partido Popular”.