Besteiro, xunto á deputada Silvia Longueira, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, e portavoces socialistas e concelleiras e concelleiros responsables de política social en diferentes concellos: -Yolanda Aguiar, de Vigo. -Nereida Canosa, da Coruña. -Olga López Rocamonde, de Lugo. -Natalia González Benéitez, voceira do Grupo Socialista en Ourense. -Bibiana Peixoto, de Nigrán. -Nuria Lameiro, de Gondomar. -David Alonso, do Porriño. -Alejandro Figueroa, de Mos. -Marta Figueroa, de Culleredo. -Yolanda Bello, de Miño. -Catrina Queijo, de Cerceda. -Diego Díaz, alcalde de Val do Dubra.
O secretario xeral dos socialistas galegos reuniuse con responsables de política social de 13 concellos, que coincidiron en esixir á Xunta unha resposta inmediata ante a súa negativa a asumir unha competencia propia. “A pesar de ser quen ten a obriga de financiar o sistema de dependencia, a Xunta está a trasladar a factura aos concellos”
Recordou tamén que, malia que o Goberno de España puxo en marcha un Plan de Choque 2020-2023 e incrementou o financiamento nun 138% –con máis de 70 millóns extraordinarios para Galicia–, a Xunta non trasladou nin un só euro aos concellos. Como consecuencia, Galicia é hoxe unha das comunidades que menos inviste en dependencia
A preguntas dos periodistas sobre o ataque en Monforte, Besteiro denunciou que esa espiral de violencia e odio “é fomentada pola ultradereita e asumida sen contemplacións pola dereita”, ao tempo que reprochou que a resposta da Xunta sexa “xerar centros de concentración”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe que o sistema de dependencia en Galicia está roto pola inacción da Xunta e a súa negativa a asumir unha competencia que lle corresponde. “Temos concellos afogados, profesionais saturados e persoas dependentes esquecidas en listas de espera interminables. Esa é a política social de Rueda”, advertiu.
Besteiro explicou que a Xunta leva 16 anos sen aprobar un Plan Estratéxico de Servizos Sociais, que a súa normativa choca cun convenio colectivo conxelado desde 2013 e que miles de traballadoras soportan sobrecarga laboral, baixos salarios e falta de protocolos de protección fronte a riscos.
Recordou tamén que, malia que o Goberno de España puxo en marcha un Plan de Choque 2020-2023 e incrementou o financiamento nun 138% –con máis de 70 millóns extraordinarios para Galicia–, a Xunta non trasladou nin un só euro aos concellos. Como consecuencia, Galicia é hoxe unha das comunidades que menos inviste en dependencia (1.073 € por persoa fronte a unha media estatal de 1.825 €), e as persoas usuarias sofren demoras de máis de 13 meses para o recoñecemento da dependencia, o dobre do prazo legal.
A voceira de Servizos Sociais do Grupo Parlamentario Socialista, Silvia Longueira, denunciou que a Xunta “vive instalada nunha falacia permanente, dicindo que financia máis do que lle corresponde, cando en realidade dos 12 euros que reciben os concellos, 7 chegan do Estado e só 5 da Xunta”. E lembrou que “mentres o Goberno central reforzou o sistema coa inxección do Plan de Choque, a Xunta desviou fondos para outros programas sen dar explicacións, mentres milleiros de familias seguen atrapadas en listas de espera”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da FEGAMP, María Barral, advertiu que “os concellos licitan xa por enriba dos 24 euros a hora, cando a Xunta só achega 12. Iso significa que estamos sufragando tanto como Xunta e Estado xuntos, algo que é insostible”. E engadiu: “Estamos a falar dun servizo que atende a persoas vulnerables, dependentes e maiores. Non son cifras nin estatísticas: son persoas que merecen dignidade e apoio, e a Xunta estálles dando as costas”.
Centro de concentración en Monforte
A preguntas dos xornalistas, Besteiro advertiu de que “estamos nun país no que xa se ataca un edificio público polo simple feito de que alí se vaian acoller nenos e nenas migrantes non acompañados”. Denunciou que esa espiral de violencia e odio “é fomentada pola ultradereita e asumida sen contemplacións pola dereita”, ao tempo que reprochou que a resposta da Xunta sexa “xerar centros de concentración”, cando Galicia, cunha poboación de 2,7 millóns de habitantes e máis de 300 concellos, “é perfectamente capaz de protexer e integrar a 244 menores sen recorrer a fórmulas segregadoras e excluíntes”.
O secretario xeral do PSdeG ligou esta situación coa necesidade de “non dar nin un só paso atrás fronte ás políticas ultras e cargadas de odio” e puxo como exemplo a posición do Goberno de España en relación con Gaza e Palestina. “A decisión de recoñecer ao Estado Palestino, cando outros estados europeos miraban para outro lado, é un exemplo de compromiso político e de defensa dos dereitos humanos do socialismo. O que acontece a miles de quilómetros tamén nos afecta, e Galicia non pode quedar á marxe desa altura política e dese compromiso colectivo”, subliñou.