O líder dos socialistas galegos destacou a contundencia do último informe do Consello de Contas sobre Saúde Mental que sinala que “hai que agardar cinco meses de media por unha primeira consulta de saúde mental”
Besteiro acusou directamente a Rueda do problema xa que “Galicia presenta unha das taxas máis baixas do Estado en número de psicólogos e psiquiatras” o que se traduce nun incremento do 52% no consumo de antidepresivos e ansiolíticos entre menores de 19 anos. “A xente maior, pero tamén a xente moza, está a sufrir esta falta de acción por parte do Goberno do PP”, dixo.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta mañá en Lugo da situación crítica que vive Galicia en materia de saúde mental. Fíxoo diante do Centro Integral de Saúde, onde denunciou que a Xunta leva dous anos sen executar máis de 50 millóns de euros destinados a esta área, especialmente no ámbito da atención primaria.
“A solución non pode ser a que propón Rueda: máis pastillas e videoconsultas, sobre todo cando se deixan de investir máis de 50 millóns de euros nos últimos dous anos”, advertiu. Sinalou que esa falta de acción “é especialmente sangrante na provincia de Lugo”, onde se reflicten con máis forza as consecuencias da inacción do Goberno galego.
Citando o último informe do Consello de Contas, Besteiro explicou que a os galegos e galegas agardan máis de cinco meses para acceder á primeira consulta de saúde mental, e que en Lugo “esas cifras increméntanse un 175% en tempo de espera e un 150% no número de pacientes pendentes”.
“Temos un centro de saúde moderno por fóra, pero antigo por dentro, sen recursos suficientes para atender a crise de saúde mental”, sinalou, lembrando que Galicia presenta unha das taxas máis baixas do Estado en número de psicólogos e psiquiatras, e que Lugo é unha das provincias con maiores cifras de suicidio de toda España: “16 suicidios por cada 100.000 habitantes”.
Besteiro denunciou tamén a desigualdade territorial na atención: “fronte ás 20 unidades que hai na provincia da Coruña, aquí só temos 3”. Ademais, referiuse ao informe do Consello de Contas, que recolle un incremento do 52% no consumo de antidepresivos e ansiolíticos entre menores de 19 anos. “A xente maior, pero tamén a xente moza, está a sufrir esta falta de acción por parte do Goberno do Partido Popular”, dixo.
En relación aos anuncios feitos por Rueda tras o Consello da Xunta en Lugo, Besteiro advertiu: “O que promete hoxe xa o prometeu antes. Anunciaron 14 millóns para a Ronda Leste —sete o ano pasado e sete este— e non se executou nada”. Tamén criticou a falta de investimento real noutros proxectos, comparando os 500.000 euros prometidos para o cuartel de San Fernando, que “aínda nin se executaron”, cos 17 millóns anunciados pola Xunta para o Pazo de Lourizán, en Pontevedra.
“É a mesma historia do Partido Popular de sempre: promesas incumpridas, como a da Ronda Leste, e falta de respostas, como se está vendo agora. Diante dunha crise real de saúde mental, consideran que a solución son ‘videoconsultas e pastillas’”, concluíu.
Besteiro estivo acompañado nesta rolda de prensa diante do Centro Integral de Saúde polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; os alcalde de Foz, Antas de Ulla, Rivas de Sil e Taboada, así como os voceiros do PSdeG Fran Cajoto; e outros cargos socialistas como a deputada Lara Méndez ou o voceiro de Sanidade da Executiva Nacional, Julio Torrado.