

O líder dos socialistas galegos anuncia emendas no trámite parlamentario para reclamar partidas de discriminación positiva para a provincia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe que os Orzamentos da Xunta para o próximo ano “deixan tirada” á provincia de Ourense, que só recibe o 11,4 por cento do investimento en obras clave e ademais veñen “repetidas” de anos anteriores porque “nunca as executaron”. Advertiu que as contas cronifican o colapso sanitario e da Dependencia na provincia, así como os altos prezos da vivenda e o abandono fronte aos lumes.
Resumiu que as contas representan a “feira do engano” para a provincia que segue a recibir o menor investimento territorializado, o menor crecemento en emprego e innovación e o maior retroceso en servizos públicos. Citou como exemplos o Plan Director do CHUO, sen prazos nin avances, a paralización da circunvalación Este e da mellora da OU-540 ou o centro de saúde de Muíños.
O responsable socialista advertiu que o reequilibro territorial “no é unha opción, é unha necesidade urxente e unha débeda histórica coa provincia”, que logo de ser o epicentro da peor vaga de incendios rexistrada en Galicia dende que hai rexistros “necesita con urxencia medida de restauración ambiental, reforestación, mellora de infraestruturas e apoio social e económico urxente para as zonas afectadas polo lume.
Resumiu que as contas para o próximo ano “non teñen alma social nin visión de país”, e perpetúan a “marxinación e desigualdade estrutural” das provincias do interior, ademais de que carecen dunha proposta económica seria e se limitan a un “exercicio de propaganda de manual”, que deixan ao interior de Galicia “sen horizonte”. Criticou que esquece á vivenda, a sanidade, a Dependencia ou o reto demográfico, fundamentais para os galegos e as galegas.
Besteiro desmentiu que se trate dunhas contas expansivas, xa que medran por debaixo do custe da vida, e destinan máis recursos ao pago da débeda -1.858 millóns de euros- que á Atención Primaria, a Dependencia ou a vivenda. Criticou que ao mesmo tempo o goberno galego “permítese o luxo de rexeitar a condonación da débeda”, que permitiría liberar o próximo ano 620 millóns de euros para mellorar os servizos públicos.
Ademais, explicou que as contas seguen a incluír partidas para vivenda que seguen sen executar cando Ourense conta con preto de 1.500 familias demandantes de vivenda pública. Afeoulle ao presidente da Xunta que a día de hoxe só teñan executado o 5 por cento dos fondos para vivenda previstos para este ano, e para 2025 ofrecen “pisos – zulo” de 26 metros cadrados como gran proxecto de vivenda, que cualificou de “un insulto”.
Besteiro comezou a xornada en Ourense xunto coa parlamentaria autonómica Carmen R. Dacosta, a vicesecretaria provincial Marina Vaz e a secretaria da agrupación Local Natalia González, onde anunciou unha batería de emendas aos Orzamentos da Xunta para esixir políticas de discriminación positiva para a provincia.
Carmen Dacosta
A parlamentaria autonómica e vicesecretaria provincial, Carmen R. Dacosta, denunciou pola súa banda que o goberno galego “non moveu ficha” tres meses despois de que os incendios forestais arrasaran máis de 120.000 hectáreas e decenas de concellos na provincial. Advertiu que a día de hoxe non hai rastro dun plan integral de recuperación das zonas afectadas, e esixiu a reformulación das axudas para o sector agrario, gandeiro e forestal, con máis contías e menos burocracia.
Explicou que as contas están cheas de “promesas recicladas e investimento cero” en infraestruturas, con proxectos repetidos ano a ano sen avance, mentres na capital da provincia “duplican as partidas e bloquean o progreso”, cun “copia e pega” das contas do ano pasado. Ao mesmo tempo “abandonan” ás comarcas do interior amosando un “modelo esgotado” dun goberno “instalado na propaganda e a autocompracencia, que anuncia e repite, pero nunca cumpre”.