O líder dos e das socialistas galegos presidiu unha nova interparlamentaria na que se acordaron as prioridades de traballo, destacando temas como a sanidade, a vivenda ou a creación de emprego porque, dixo, “nós falamos con Galicia, non de Galicia”
Besteiro advertiu da obstrución sistemática do Partido Popular ás medidas que benefician á maioría social, como xa fixo coa subida do SMI, das pensións ou os bonos de transporte, “a agora co decreto dos aranceis”
O secretario xeral do PSdeG acusou a Rueda de actuar sen criterio propio e advertiu que o PP galego está sometido ás estratexias de confrontación marcadas desde Madrid “como vimos no apagón”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou a reunión interparlamentaria que se celebra ao longo da mañá en Santiago entre deputados e senadores socialistas en Cortes, representantes no Parlamento de Galicia e o eurodeputado Nicolás González Casares, que participou dende Bruxelas. A xuntanza serviu para reforzar a coordinación institucional do partido en todos os niveis e abordar os principais retos que ten Galicia por diante.
Segundo explicou Besteiro, na reunión acordouse “incrementar a nosa presenza no territorio e reforzar a coordinación entre os distintos niveis, non só políticos senón institucionais do Partido Socialista, no ámbito municipal, autonómico e estatal, incluída a acción na Unión Europea”.
Subliñou que “o PSdeG non fala de Galicia, fala con Galicia”, e que “na nosa axenda están os problemas que lles preocupan aos galegos e galegas: vivenda, sanidade, emprego ou infraestruturas. O resto son artificios”.
Neste sentido, advertiu contra a política de confrontación do Partido Popular: “Cando nos encontramos cun Partido Popular sometido permanentemente aos ditames que se fan desde Madrid, iso non é unha reivindicación dos nosos veciños e veciñas, senón unha forma de facer política que non queren os cidadáns”. Tamén considerou “artificial falar de soberanismo nunha forma absolutamente desfasada, non é algo que lles preocupe aos galegos e galegas”.
Besteiro centrou parte da súa intervención na próxima votación do Real Decreto das axudas polos aranceis de Trump, que inclúe 14.000 millóns de euros para facer fronte ás últimas decisións dos Estados Unidos. “Non é só unha resposta comercial, senón unha aposta para mellorar a posición das empresas, favorecer a súa internacionalización e a apertura de novos mercados”, apuntou. Nese contexto, manifestou a súa preocupación polo posicionamento do PP que tentou torpedear a subida do salario mínimo, as pensións, os bonos do transporte… e fracasou. Non queremos que repita agora ese mesmo erro”.
Criticou especialmente o silencio de Alfonso Rueda: “O silencio do PP de Galicia fronte á posición que está tomando o Partido Popular en Madrid é prexudicial para os intereses de Galicia, para as empresas galegas e, en definitiva, para todos os galegos e galegas”.
Sobre a política enerxética, lamentou que o PP estea utilizando a defensa da enerxía nuclear como escusa, lembrando que “a día de hoxe sabemos que é menos competitiva e máis cara que as renovables, e a Galicia perxudícaa completamente porque somos un verdadeiro foco de produción de enerxía renovable”.
Por iso, cualificou de “irresponsable” a posición do PP e engadiu: “Ese silencio de Alfonso Rueda é un silencio cómplice, pero sobre todo é un silencio que prexudica moitísimo os intereses de Galicia”.
Besteiro alertou de que “non dicir si a ese fondo industrial é dicir non ao emprego e á mellora do emprego en Galicia”. “En definitiva, se se confirma esa posición e ese silencio, estaremos aumentando ese historial do Partido Popular contra os intereses de Galicia”, dixo.
O secretario xeral dos socialistas galegos tamén acusou a Rueda de actuar sen criterio propio, ao lembrar a súa reacción sobre o apagón da semana pasada: “Unha primeira manifestación exaltando a magnífica coordinación entre administracións, e despois cambiando completamente a postura. Non se pode dicir unha cousa e a contraria”.
Por último, pediu unha reflexión profunda fronte ao avance da ultradereita en Europa e en España: “Mentres en Alemaña se está poñendo un cordón sanitario fronte á ultradereita, aquí pactamos con ela con total naturalidade”. Neste sentido, insistiu en que “temos que ter claro onde queremos desenvolver o noso futuro e que tipo de Europa queremos: unha Europa unida, forte, que defenda o estado do benestar”.
Galicia deféndese dende o territorio
“Galicia non se defende desde Madrid nin desde debates soberanistas. Galicia deféndese aquí, no territorio, día a día”, concluíu. E reiterou a mensaxe central da súa intervención: “O que defendemos no Partido Socialista é que non falemos de Galicia, falemos con Galicia. Así seremos máis útiles, máis prácticos e máis beneficiosos para o que os galegos e galegas queren no futuro”.