

O secretario xeral do PSdeG advirte de que a desinformación e os bulos contra o feminismo buscan frear avances en igualdade e normalizar a desigualdade entre homes e mulleres, e anima á sociedade a facer de dique fronte a esta ofensiva reaccionaria
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este mediodía na manifestación convocada en Vigo con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, onde reivindicou o feminismo como unha ferramenta imprescindible para avanzar en igualdade e advertiu da violenta campaña da dereita ultra en medios e redes sociais para acabar co feminismo. Unha campaña que, segundo sinalou, busca converter a loita pola igualdade nun inimigo co obxectivo de desviar a atención das desigualdades que seguen existindo.
Para Besteiro, o debate que se está alimentando arredor do feminismo non responde á realidade social, senón a unha estratexia baseada na desinformación e nos bulos. “O feminismo non é o problema. O problema segue sendo a desigualdade”, afirma, lembrando que en Galicia as mulleres cobran de media 4.706 euros menos ao ano ca os homes.
O líder socialista advertiu tamén de que, xunto ás desigualdades económicas, están xurdindo novas formas de violencia e control, especialmente entre a xente nova. Neste sentido lembrou que o 27 % das rapazas recoñece que a súa parella controla o seu móbil, mentres que o 99 % das vítimas de contidos sexuais falsos en internet son mulleres.
Para Besteiro, estes datos demostran que a igualdade real está aínda lonxe de ser plena e que o feminismo segue sendo unha ferramenta necesaria para defender dereitos e combater a discriminación.
Neste contexto, advertiu do papel que están xogando determinados discursos políticos. Segundo sinala, cando a ultradereita decide seguir ese camiño está cuestionando avances que custaron décadas de loita social “e non o imos permitir”.
O secretario xeral do PSdeG defende que a igualdade entre homes e mulleres non é unha ideoloxía, senón un principio democrático básico, e anima á sociedade a facer de dique fronte as voces que buscan desacreditar o feminismo e frear os avances en igualdade.
Por todo iso, insistiu en que o debate que se está intentando instalar contra o feminismo busca desviar a atención do esencial: “O problema non é o feminismo. O problema é que a desigualdade segue existindo”.
Entre os numerosos cargos socialistas que participaron na manifestación de Vigo estaban o alcalde, Abel Caballero; a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, e a secretaria de Igualdade, Natalia González. Silva agradeceulle ao secretario xeral que se sumase desde a cidade “ás voces das mulleres de toda Galicia” e reivindicou “a forza do feminismo, que transforma a vida de todas e de todos”. Chamou tamén a “erguer a voz” fronte aos discursos negacionistas e a defender que o feminismo “é civilización”. Entre outros obxectivos polos que é necesario loitar, sinalou a abolición da prostitución, o peche da fenda salarial e que as mulleres ocupen espazos de poder, “con capacidade de decisión”.