

O secretario xeral do PSdeG criticou en Tui que os catro inmobles que o IGVS adquiriu en 2019 seguen en ruínas, un exemplo do que tamén acontece en outras vilas e cidades de Galicia
O líder socialista censurou que, “sendo a vivenda o principal problema que din ter os galegos e galegas, a política da Xunta nesa materia é absolutamente ineficaz”
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, criticou, nunha visita a Tui, o estado de abandono no que a Administración autonómica ten varios inmobles que adquiriu fai sete anos para a súa rehabilitación no marco do Plan Rexurbe. “Este é o exemplo da ineficacia da Xunta en materia de vivenda”, sinalou durante o seu percorrido polas rúas da zona antiga na compaña do alcalde, Enrique Cabaleiro.
Besteiro defendeu que rehabilitar “é poñer en valor vivendas que son necesarias”. Porén, criticou que “o Plan Rexurbe fai de todo menos rexurdir”, porque desde 2019 “segue todo igual”, dixo en referencia a que os edificios continúan na mesma situación que cando o Goberno de Rueda os adquiriu para reformalos. “Esta situación reprodúcese en moitos cascos históricos de toda Galicia”, reprochoulle o líder socialista a unha Xunta á que lle esixiu planificación para solucionar a crise habitacional.
“O problema non só consiste na falla de vivenda nova, senón que hai que recuperar áreas de vilas e cidades que están abandonadas”, propuxo como xeito “eficiente” de poñer inmobles no mercado. Por iso, criticou que a Xunta “nin planifique nin execute” proxectos que contaban con recursos económicos. “Onde vai ese financiamento?”, preguntouse.
Besteiro leva o problema á sesión de control do Parlamento
José Ramón Gómez Besteiro lamentou que, “sendo a vivenda o principal problema que din ter os galegos e galegas, a política da Xunta nesa materia é absolutamente ineficaz”. De feito, a día de hoxe, o número de demandantes de vivenda pública inscritos no rexistro oficial da Administración autonómica xa supera as 30.000 persoas.
Precisamente ante a falta de solucións por parte do Goberno galego ao que se converteu nunha verdadeira crise, na sesión de control do vindeiro mércores no Parlamento de Galicia, o portavoz socialista reclamaralle a Rueda que dea explicacións.
Un compromiso incumprido de 17 millóns de euros
O alcalde tudense explicou máis polo miúdo o que está a acontecer na súa cidade. “Das catro vivendas que mercou a Xunta para rehabilitar, seis anos despois non se comezou nin a primeira”, insistiu. “Demandámoslle que asuma o compromiso que adquiriu co Concello cando prometeu 17 millóns de euros para investir entre 2023 e 2027”, dixo Cabaleiro.
O rexedor recordou que o de Tui é “o segundo casco histórico máis extenso de toda Galicia, con moitísima vivenda que precisa actuacións urxentes, e a Xunta ten que asumir as súas competencias e coidar do patrimonio non de Tui, senón de todos os galegos e galegas”.