O secretario xeral dos e das socialistas de Galicia pechou o Congreso de Pontevedra, que referendou a David Regades á fronte da dirección provincial
Lamentou que “o mesmo que é capaz de manter a farsa dos do Ventorro durante seis meses veña a Galicia a dar leccións de xestión das emerxencias”
O líder do PSdeG fixou o obxectivo de recuperar a Deputación “co aval da xente, que se sente protexida con nós porque sabe que traballamos pola maioría social”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, animou hoxe á nova dirección do partido na provincia de Pontevedra a seguir o camiño dun Partido Socialista “centrado no que importa”. Na súa intervención na clausura do Congreso provincial que se celebrou na capital pontevedresa, Besteiro confrontou as políticas de quen “andan a levantar bandeiras soberanistas con discursos desfasados que non levan a ningures” e dos que “miran para ver que lles ordenan desde Madrid” coas dun PSdeG ocupado en ofrecer solucións ás familias sen vivenda, protexer os servizos públicos, garantir empregos dignos, apostar pola industria sostible, avanzar na igualdade, defender o galego “sen complexos” e facer “unha Galicia máis moderna e máis xusta”.
Tras felicitar a David Regades, que renova o seu cargo como secretario xeral provincial, así como á nova Executiva, Besteiro valorou o xeito no que o partido desenvolve os procesos orgánicos. “Somos a formación con máis democracia interna”, afirmou sobre un sistema no que decide a militancia, “e iso dálle forza ao noso proxecto”, ademais de “lexitimidade”.
O líder socialista reivindicou que as decisións tomadas “desde abaixo”, lonxe de “dedazos e despachos pechados”, converten ao Partido Socialista nunha alternativa seria e reivindicativa, cun proxecto para construír unha Galicia “máis xusta, máis igualitaria e máis digna”, como tamén “aberta ao mundo e capaz de enfrontar os novos desafíos de maneira solidaria”.
“Hai quen está preocupado polas súas contas electorais, pero nós estamos preocupados polas contas das familias galegas”, asegurou, e sinalou que hai unha maioría social que quere cambio. Nese senso, marcou como obxectivo recuperar a Deputación de Pontevedra “co aval da xente” e co apoio dunha cidadanía “que se sente protexida con ós porque sabe que traballamos por esa maioría social, sen deixar a ninguén atrás”. O secretario xeral destacou que ese xeito de facer política se asenta en gran medida na xestión local, e por iso reivindicou con orgullo a vertente “municipalista” do PSdeG.
José Ramón Gómez Besteiro lamentou que Galicia teña un presidente “refén de Madrid”, como demostrou esta semana cando Feijoo, “o mesmo que é capaz de manter a farsa dos do Ventorro durante seis meses, veu a Galicia a dar leccións de xestión das emerxencias”. “Cando gobernaba Rajoy, non se podía contar co Estado. Este Goberno xa pasou por todo e sempre respostou con altura, e así devolveulle á cidadanía a confianza no Estado”, sinalou.
O Partido Socialista, dixo Besteiro, “é o que responde ante a cidadanía e arranxa o que o PP estragou”, subindo pensións e salarios, bonificando as peaxes, ofrecendo bonos gratuítos de tren para aliviar os petos das familias ou poñendo sobre a mesa solucións para o problema da vivenda desde o Goberno e desde os concellos. “Somos a esquerda que pode, transformadora, capaz de resolver os problemas”, asegurou Besteiro sobre o que cualificou de “modelo de éxito”.