
O líder socialista defende o “non á guerra” do Goberno e critica o escaso peso político de Rueda no PP europeo “mentres o BNG coincide con Vox ao opoñerse ao acordo con Mercosur, clave para abrir novos mercados fronte ás presións de Trump”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou hoxe a declaración institucional realizada polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ante a actual situación internacional e destacou que España está a actuar “con coherencia e responsabilidade” nun contexto marcado pola escalada de tensión en distintos puntos do mundo.
Besteiro subliñou que a posición do Goberno español é clara: defensa do dereito internacional, aposta pola diplomacia e un firme rexeitamento á guerra como vía para resolver os conflitos. A legalidade internacional, dixo, non pode ser algo que se vulnere impunemente. “A política e a diplomacia teñen que ser as ferramentas para resolver os conflitos”.
Para o líder socialista, abandonar ese marco suporía entrar nun escenario no que prevalecería a lei do máis forte, algo incompatible cos valores democráticos que sustentan a convivencia internacional.
Besteiro referiuse tamén ás consecuencias económicas da actual situación internacional e á importancia de abrir novos mercados para os sectores produtivos galegos.
Neste sentido, advertiu de que a política arancelaria impulsada por Donald Trump responde a unha estratexia de matonismo comercial que pretende impor condicións ao resto do mundo a través de barreiras e presións económicas.
Segundo explicou, fronte a esa estratexia de confrontación comercial, Europa debe responder abrindo novos mercados e reforzando os acordos comerciais internacionais.
Neste contexto, destacou que acordos como o de Mercosur poden supoñer unha oportunidade relevante para a economía galega, permitindo ampliar a presenza dos produtos galegos no exterior nun escenario internacional cada vez máis complexo.
“Europa non pode responder ás guerras comerciais pechándose. Ten que facelo abrindo novos mercados e reforzando as súas relacións comerciais”, afirmou.
O líder socialista referiuse tamén ás reunións mantidas esta semana en Bruxelas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e sinalou que non trouxeron ningún resultado concreto para Galicia.
Segundo indicou, a viaxe de Rueda evidenciou o escaso peso político da Xunta nas institucións europeas. “A súa presenza en Bruxelas serviu para facer unha foto, pero Galicia non gañou nada con esa viaxe”, afirmou.
Ao mesmo tempo, criticou a posición do BNG respecto ao acordo con Mercosur, ao considerar que rexeitar este acordo supón un erro para Galicia, xa que abre oportunidades comerciais importantes para os sectores produtivos galegos. Ademáis lamentou que o BNG defenda a mesma postura que a ultradereira de Vox neste asunto: “paréceme moi preocupante”.
Besteiro concluiu que “Galicia non pode quedar á marxe das oportunidades que se abren no comercio internacional. O que necesitamos é defender os intereses do país en Europa con rigor e con resultados”.