O secretario xeral do PSdeG acompañou hoxe á veciñanza de Moaña, que leva 200 semanas mobilizándose para recuperar o servizo de urxencias no seu centro de saúde
O líder socialista reclamoulle a Rueda “máis infraestruturas, máis planificación e melloras na atención primaria para evitar, ademais, a saturación dos hospitais”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acompañou hoxe a máis dun milleiro de veciños e veciñas de Moaña durante a manifestación que realizaron en defensa da sanidade pública e da recuperación do servizo de urxencias para o centro de saúde de Domaio. O líder socialista alertou, momentos antes do inicio da marcha, sobre “emerxencia sanitaria na que está asolagada Galicia”, produto das políticas que o PP está a desenvolver desde a Xunta de Galicia desde hai 16 anos. De feito, sinalou que no último decenio os Gobernos de Feijoo e de Rueda derivaron máis de 2.000 millóns de euros públicos á sanidade privada.
Tal como recordou, o que acontece en Moaña, con 200 semanas seguidas de protestas por parte dos e das residentes, “non é un feito illado”, senón que se repite “en moitos lugares de Galicia, como en Catoira, onde teñen as urxencias pechadas e deben acudir ao Hospital do Salnés; ou en Cangas, onde están sobrepasadas as urxencias; ou en Hío, onde falta o centro de saúde; ou na Cañiza, onde levan 21 semanas reivindicando servizos pediátricos; ou en Ourense, con 20 ambulatorios sen médicos cando aconteceu a vaga de lumes”.
“É unha evidencia que Galicia precisa de máis infraestruturas, máis planificación e, sobre todo, melloras na atención primaria para evitar, ademais, a saturación hospitalaria”, asegurou Besteiro, que vinculou o déficit de instalacións de atención primaria e de persoal sanitario ao desvío de pacientes cara o sector privado e ao incremento de pólizas de seguros médicos, “porque, efectivamente, a xente está desasistida”.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego defendeu que a sanidade pública “non é un privilexio, senón un dereito” que se debe dotar de máis medios materiais e humanos. Por iso, chamou a manter “esa loita en todo o territorio”, para que os recursos “se trasladen cara onde máis se necesitan”. “Todos debemos ter a mesma posibilidade de acceder á sanidade pública, con independencia de onde se viva”, apuntou en referencia, especialmente, ás “situacións de abandono do rural”.
Fronte a iso, Besteiro defendeu o modelo do PSdeG, cun plan de choque destinado a recuperar a atención primaria, reforzando os servizos de pediatría e urxencias e incrementando o número de médicos de familia. O obxectivo é, segundo explicou, blindar a sanidade pública en lugar de destinar recursos da cidadanía a engordar negocios privados.