“Queremos escoitar máis voces, unir máis miradas e construír máis Galicia”, asegurou o secretario xeral sobre un proxecto que bota a andar da man de 173 militantes de toda a comunidade autónoma e que agora o partido quere abrir “a toda a sociedade”
Os 15 grupos de traballo que a Comisión Executiva Nacional Galega acordou crear na súa reunión do pasado abril botaron a andar esta fin de semana. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, convocou ás coordinadoras e coordinadores para constituír formalmente os foros arredor dos que o partido aspira a configurar “un proxecto realista, galeguista e centrado na maioría social”.
O líder socialista marcoulles ás persoas que liderarán o proxecto “o obxectivo claro” de compartir ideas e elaborar propostas para construír “unha alternativa con futuro”. Unha vez que os grupos xa están configurados, “queremos escoitar máis voces, unir máis miradas e construír máis Galicia”, afirmou Besteiro, que valorou o perfil dos e das 173 socialistas de toda a comunidade que se foron integrando no proxecto ao longo das últimas semanas. Segundo explicou, son “xente de todas as idades, con experiencia en sanidade, educación, rural, empresa, coidados…”, e salientou especialmente que se trata de persoas “comprometidas, que coñecen a realidade e que queren construír”.
“Este proceso xa está en marcha, e agora abrímolo a toda a sociedade”, insistiu o secretario xeral sobre o obxectivo de reunir en torno do proxecto voces que o enriquezan. Así o manifestou nesa primeira reunión coas persoas que estarán á fronte, e na que tamén participaron a secretaria de Organización, Lara Méndez, e o secretario de Acción Territorial, Aitor Bouza.
Coordinadoras e coordindadores
Na xuntanza quedou definitivamente pechada a composición dos grupos, así como o seu programa de traballo. Silvia Fraga coordina o de Igualdade. Abel Losada, o do Sector Económico, que engloba, entre outras áreas temáticas, facenda, emprego, emprendemento, rexeneración democrática, transición enerxética, industria, seguridade e emerxencias, turismo, función pública e comercio. Á fronte do de Política Social está Natalia González Benéitez, e do de Sanidade, Julio Torrado Quintela. Fabián Canosa encárgase do de Educación, no que se integran tamén a innovación e a transformación dixital.
Silvia Longueira lidera o grupo de Cultura e Lingua; Roberto Fernández Rico, o de Monte, dentro do cal están integradas, ademais das políticas forestais, a agricultura, a gandaría e o desenvolvemento rural. José Ramón Romero, o de Mar e Recursos Mariños, e Ramón Alonso, o de Medio Ambiente e Emerxencia Climática, que engloba aspectos coma o despoboamento e o reto demográfico.
O grupo de Transportes e Mobilidade, no que se inclúen a ordenación do territorio e a rexeneración urbana, é responsabilidade de Patricia Otero, mentres que o de Memoria Histórica está a cargo de Iván Puentes; o de Vivenda, de Iria Sobrino; o de Deportes, de Jorge Bustos; o de LGTBI, de Aitor Rodríguez Casanova, e o de Europa, de Nicolás González Casares.