
O líder socialista denuncia desde A Gudiña que a Xunta eliminou as convocatorias de prevención de 2025 e 2026, deixando 194 solicitudes sen financiamento e o monte galego desprotexido ante a campaña de incendios
Besteiro mantivo unha reunión cos representantes dos montes mancomunados de Tameirón e O Cañizo, que sufriron incendios hai uns días co resultado de centos de hectáreas queimadas
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu esta mañá ante os medios na comarca da Gudiña, na provincia máis castigada polos lumes, para denunciar a “irresponsabilidade total” do presidente Rueda fronte á ameaza dos incendios forestais. Besteiro visitou a zona do monte comunal do Tameirón que ardeu nos últimos días e advertiu de que Galicia está en risco de repetir a catástrofe do pasado verán, cando arderon 170.000 hectáreas, a cifra máis alta da historia recente.
Acompañado por dirixentes socialistas da comarca, a deputada Carmen Rodríguez Dacosta e o secretario provincial, Álvaro Vila, Besteiro puxo enriba da mesa as cifras que, ao seu xuízo, demostran que o Goberno galego non aprendeu nada da vaga de lumes do verán pasado. O dato máis contundente: 13 millóns de euros perdidos en prevención. Tratouse dunha convocatoria de reforestación con especies frondosas e coníferas que tiña 15 millóns dispoñibles, dos que apenas se solicitaron 2 millóns. A razón, segundo o líder socialista, é que a Xunta ignorou as advertencias sobre as deficiencias da orde e ninguén a corrixiu. O resultado: 13 millóns que deberon servir para protexer o monte galego acabaron sen executar.
Pero non é o único. As axudas para accións de prevención en montes veciñais, valoradas en 5,4 millóns de euros, publicáronse en decembro de 2024 co obxectivo de estar listas para o verán. Non o estiveron. Acaban de aprobarse agora, dous anos despois, con 283 expedientes que inclúen a creación de 1.000 hectáreas de cortalumes, miles de hectáreas de rozas e máis de 800 quilómetros de pistas forestais. O máis grave, subliñou Besteiro, é que algunhas desas zonas xa arderon mentres se agardaba a aprobación. E agora preténdese executar todo iso en só catro meses, cando o prazo inicial era de 17: “Isto non é planificación. Isto é chegar tarde e mal”, sentenciou.
A denuncia do líder socialista non queda aí. Mentres 194 solicitudes quedaron fóra por falta de orzamento, a Xunta eliminou directamente a convocatoria de 2026, o que supuxo a perda de 4 millóns máis destinados á prevención. Tamén, dixo, hai 3 millóns de 2024 en montes conveniados que aínda se están licitando a día de hoxe, e as convocatorias de 2025 e 2026 foron igualmente suprimidas. En resumo, un patrón de abandono e deixadez que, segundo Besteiro, deixa o monte galego completamente desprotexido.
O líder socialista, que mantivo unha reunión cos responsables dos montes mancomunados de Tameirón e O Cañizo, tamén lembrou que o Plan de Prevención e Extinción de Incendios leva seis meses de atraso na súa aprobación, o que supón un incumprimento legal por parte da Xunta. “Galicia volve chegar tarde á campaña de incendios”, advertiu. Os lumes, e, xa non son explicou, algo do verán: a provincia de Ourense está a sufrir incendios forestais este mes de marzo no Xurés, en Viana e en Monterrei. Os expertos advirten de que os agresivos lumes de quinta e sexta xeración superan xa a capacidade de extinción, e que a única saída real pasa pola prevención e a anticipación, non pola reacción. Pero o PP segue sen reaccionar.
Besteiro pechou a súa intervención ante os medios sinalando que “con 13 millóns perdidos en prevención e outros 5,4 bloqueados, Rueda será o único responsable se Galicia volve arder”. Polo que esixiu unha reacción urxente antes de que comece a campaña de verán.