

“A concienciación e a presión social serven para que non se produza a violencia machista”, asegurou antes do acto institucional na Delegación do Goberno
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe desde A Coruña a manterse firmes ante “esas posturas negacionistas que cada vez avanzan máis desde a ultradereita e que tamén absorbe a dereita compracente”. No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o líder socialista reclamou “a fin das ameazas e do medo” que sofren as mulleres “polo simple feito de seren mulleres”.
“Conta a violencia machista, nin un paso atrás”, defendeu minutos antes de asistir esta mañá ao acto institucional na Delegación do Goberno, durante o que participou na lectura do manifesto con motivo do 25N. “A concienciación social serve, a presión social serve, e que todos vaiamos na mesma dirección serve para que non se produza violencia machista”, afirmou.
Tamén reclamou “firmeza e contundencia”, como amosan xa “a inmensa maioría dos galegos e galegas”, fronte a quen nega a violencia, aspira ao retroceso das leis “e normaliza espazos de violencia tamén no ámbito dixital”. Contra todo iso, demandou unha “crítica constante, día a día”.
Manzaneda
Por outra banda, en declaracións aos medios, Besteiro denunciou as “prácticas rexeitables” dun PP que promove a “compra de vontades e non respecta os resultados electorais”. “É unha práctica cada vez máis crecente nese Partido Popular de Rueda”, dixo sobre a moción de censura Manzaneda, e resumiu o procedemento dos populares: “Se non gañamos as eleccións, xa nos faremos co poder a través desa compra de vontades”.
O secretario xeral do PSdeG advertiu que “ese comportamento tan antidemocrático vai en contra da decisión dos veciños e veciñas”. Por ese motivo, trasladoulle a Amable Fernández “que segue sendo alcalde moral e que, ademais, nas vindeiras eleccións volverá selo unha vez máis”.
Caso Uzal
José Ramón Gómez Besteiro tamén se referiu á condena de José Norberto Uzal a 19 anos de prisión. Uzal, director xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia con Feijoo, foi sentenciado pola súa participación nun fraude que ascendeu a 154 millóns de euros. O líder socialista sinalou que o fallo “confirma moito máis as amizades perigosas que tiñan Feijoo e Rueda”.
Tal como recordou, Uzal era “brazo dereito” do agora presidente da Xunta cando era conselleiro de Presidencia. Así, a sentenza apunta, “unha vez máis”, á existencia dun entorno de “intrigas e negocios escuros” no PP de Feijoo e Rueda.
Fiscalía Xeral do Estado
En canto ao relevo á fronte da Fiscalía Xeral do Estado, o portavoz socialista valorou a proposta do Goberno: “Trátase dunha muller dun enorme prestixio e dunhas fondas conviccións, e, ademais, dunha verdadeira modernizadora, comprometida especialmente na loita contra a violencia de xénero”.
Ao mesmo tempo, mostrou o seu respecto polo “sentido democrático” do fiscal xeral tras presentar este a súa renuncia. Lamentou, pola contra, a controversia que está a xerar a súa condena. “Moita xente non a entende, e agora debemos coñecer a verdadeira motivación. En calquera caso, respectamos as sentenzas, aínda que nun ambiente democrático tamén se pode manifestar se comparten ou non”, explicou.