O líder dos socialistas galegos alerta fronte á alianza PP – Vox e advirte que “a suma de dous partidos condenados por corrupción non dá un goberno limpo
Retruca ás opinións políticas da Conferencia Episcopal pedindo primarias para os bispos: “Un bautizado, un voto”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe á unidade e o orgullo de “representar un proxecto honrado” e sinalou que “mentres outros calan ou tapan prácticas vergoñentas, nós non as toleramos, non as xustificamos, actuamos sen medias tintas e expulsamos a quen pretende aproveitarse. Besteiro interveu na presentación do novo secretario xeral de Pontevedra, Iván Puentes, no que tamén participaron o secretario provincial, David Regades, e a senadora e presidenta do PSOE, Carmela Silva.
Besteiro puxo en valor a reacción do secretario xeral do PSOE e presidente do goberno en canto tivo noticia da situación expulsando todo asomo de corrupción dentro da organización e abrindo as portas á transparencia. Contrastou o impulso dunha Comisión de Investigación e auditar o partido coa Comisión de Investigación polo sobrecuste do Álvaro Cunqueiro e os contratos a ddo con sinalados persoeiros do entorno de Feijóo e Rueda.
Sinalou que mentres os socialistas van ata o final para depurar responsabilidades, a reacción do PP foi facer “un paripé vetando testemuñas e blindando a Feijóo”. A súa reacción demostra que “non tódalas organizacións actúan igual, a nosa diferenza é a decencia”, mentres o PP deturpa a investigación parlamentaria impoñendo a súa maioría de principio a fin, nas normas de funcionamento, o listado de comparecentes e as conclusións.
Neste sentido, acusou ao PP de empregar Galicia como “banco de probas de todo o peor da política, que exportan logo a todo o país”, a través de “corrupción, acoso xudicial, mentiras, chanchullos de amiguetes”. Alertou fronte á dupla PP – Vox para sinalar que “a suma de dous partidos coindenados por corrupción non dá un goberno limpo”, antes de explicar que o PP está “ten por diante 28 casos de corrupción que se van dirimir este ano con 150 cargos imputados, e un Vox sancionado polo Tribunal de Contas por financiamento irregular”.
Investimentos
Lembrou a importancia do goberno progresista para Galicia, onde supuxo uns investimentos históricos de 10.800 millóns de euros de ingresos a conta, e que o converteu no goberno máis investidor da historia de Galicia. Os 7 anos de goberno de Sánchez supuxeron ata o momento un 40 por cento máis de recursos para Galicia que os 7 anos de Rajoy e máis de 15.000 millóns para modernizar infraestruturas, empresas e cidades e lembrou que 3 de cada 4 euros investidos en Galicia proveñen dun goberno socialista.
Emprazou a manter o impulso e o avance fronte á parálise que supuxo o PP “sempre que gobernou”, e que en Galicia só executou unha terceira parte dos máis de 5.200 millóns de euros que recibiu de fondos estatais e europeos. Subliñou que “non é falta de cartos, é alta de vontade e de modelo” dun PP que “só trae recortes e involución” co desmantelamento de políticas de igualdade e que cando ten noticia da denuncia de agresión sexual do conselleiro do Mar o que fai é agochalo 5 meses.
Un bautizado, un voto
O líder dos socialistas galegos saíulle ao paso ao presidente da Conferencia Episcopal, que esta semana rompía a neutralidade política da Igrexa, tirando de ironía ao pedir primarias para os bispos: “Un bautizado, un voto”, dixo Besteiro logo de afearlle a Argüello a súa inxerencia directa nos asuntos da actualidade política.
Así o dixo nun acto que rematou lembrando os 20 anos das eleccións que levaron ao socialista Emilio Pérez Touriño á Presidencia da Xunta e que abriron “unha etapa de dignidade, modernización e políticas sociais de vangarda”, e que “segue a ser referente das mellores políticas que se aplicaron a Galicia”. Unha alternativa que “volve ser posible” ao igual que en Pontevedra, onde Puentes representa á alternativa dun modelo “esgotado, que amosa sinais de fatiga”.
Sinalou que a cidade “precisa dunha nova visión: unha transformación urbana que combine un crecemento sostible cun impulso económico real, sen dogmas nin renuncias” cun cambio que “xa está en marcha dende o rigor, o compromiso e a constancia” e “comprometido coa igualdade e a xustiza social, dende a solidariedade e non dende un soberanismo disimulado”.
Iván Puentes
O novo secretario local, Iván Puentes, fixo alusión ao peche definitivo da Operación Pulpo que cualificou de “infamia” á que someteron ao actual secretario xeral do PSdeG a partir dos anónimos enviados pola presidenta do PP de Lugo e impulsados co “compadreo dunha xuíza” que foi sancionada e expulsada de Galicia. Salientou que “esta semana confirmamos o que xa sabiamos, que Besteiro é un home absolutamente honesto”.
A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, afeoulle ao PP que esta semana impulsara un Pleno extraordinario na Deputación de Pontevedra para pedir responsabilidades pola corrupción logo de ter como 12 anos como presidente a Rafael Louzán, e no que “se esqueceron de M. Rajoy, un señor de Pontevedra que dirixía un partido corrupto, que dirixía a policía patriótica, que repartía sobres en B”.
O secretario provincial do PSdeG, David Regades, respondeulle pola súa banda ás críticas do líder do PP, o galego Núñez Feijóo, contra o Salario Mínimo Interprofesional, que tildou de “dedrroche que non supón ningunha vantaxe”, para recomendarlle que “renuncie ao seu salario e pase a gañar o salario mínimo, a ver como lle vai”. Ironizou tamén coa hipocrisía do PP, que pasou de negarse a desprazar Ence da ría de Pontevedra porque “non había outro sitio” a intentar impoñer unha macrocelulosa de Altri en Palas de Rei como proxecto industrial estrela.