O líder dos socialistas galegos sinala que a protesta cidadá é un “clamor que lle chega a quen padece o xenocidio e tamén aos xenocidas, os que levantan os muros e sementan o odio”
Traslada o apoio á familia e compañeiros de Fernández Vara, “un referente socialista, que traballaba polos valores da solidariedade, da paz e da xustiza, e que hoxe estaría e está con nós”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou a tomar a “posición responsable” que representa a loita “contra o silencio e a indiferenza” fronte á situación en Gaza. Besteiro encabezou hoxe a delegación socialista na manifestación convocada en Santiago de Compostela contra o xenocidio perpetrado polo Estado de Israel contra a poboación palestina.
O responsable socialista advertiu que a manifestación convocada en Santiago, xunto coas concentracións rexistradas en todo o mundo, son un “clamor que lle chega a quen padece o xenocidio e tamén aos xenocidas, aos que levantan os muros e sementan o odio, e tamén a aqueles que xustifican a barbarie”. Advertiu que “non cabe a indiferenza”, senón que é o momento de “posicionarse en favor da paz, da liberdade e da xustiza”.
O líder dos socialistas galegos subliñou a mensaxe de apoio ás vítimas e contra os verdugos, que “lanzamos todos os que nos comprometemos para poñer fin á barbarie e para loitar por unha sociedade máis xusta e máis solidaria na que reine a paz”.
Fernández Vara
O dirixente socialista trasladou tamén unha mensaxe de apoio á familia e aos compañeiros do ex presidente de Estremadura, Guillermo Fernández Vara, falecido esta noite, un “momento de moitísima tristeza”. Salientou o compromiso deste “home de partido” que “traballaba polos valores que hoxe estamos defendendo da solidariedade, a paz e a xustiza”, que constituíu un “referente socialista, estremeño e español” e que “hoxe estaría e está con nós” na protesta contra o xenocidio.