O secretario xeral do PSdeG trasladou unha mensaxe de “apoio e ánimo” á veciñanza de Pantón e do Bolo polos lumes que están asolando ambos concellos
Tras as ausencias nos minutos de silencio polo xenocidio en Gaza, o líder socialista criticou a quen se pon “de perfil ante a barbarie”, en vez de estar “do lado da humanidade”
Na súa visita ao encontro Pont-Up Store en Pontevedra, reafirmou a aposta do PSdeG pola promoción do emprendemento, especialmente no rural, e pola economía social
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta mañá en Pontevedra contra “o discurso do odio” e chamou a plantarse ante a ideoloxía ultra que o promove. Despois de que durante a madrugada o inmoble no que a Xunta prevé acoller a nenos e nenas migrantes sufrise un ataque con artefactos incendiarios, o líder socialista sinalou que ese tipo de delitos de odio son “consecuencia directa” dunhas mensaxes e dunha ideoloxía “que entre todos e todas temos que parar”.
“Non podemos consentir que se sigan producindo”, dixo para apelar á “responsabilidade” de toda a sociedade, “políticos e políticas tamén”. “Esas actitudes merecen o noso desprezo e a nosa condena clara”, engadiu, e mostrou a súa confianza en que a investigación policial sirva para dar canto antes cos autores do atentado.
Besteiro pronunciouse así na súa visita ao encontro de emprendemento Pont-Up Store. Durante as súas declaracións aos medios nun momento do percorrido pola feira, comezou por trasladarlle á veciñanza de Pantón e do Bolo “o apoio e ánimo” dos e das socialistas, ante os lumes que están asolando os seus municipios e que xa motivaron a intervención da UME debido á súa magnitude e proximidade a zonas habitadas. O líder socialista confiou en que “se supere rapidamente esta situación”, que Galicia leva padecendo desde hai máis dun mes, cunha vaga de lumes “sen precedentes”.
O secretario xeral do PSdeG referiuse tamén ao xenocidio que o Goberno israelí está a perpetrar en Gaza. Insistiu en que o Partido Socialista vai seguir denunciándoo a diario, “en todos os actos nos que esteamos presentes, para que non pase nin un só día no que reclamemos a paz”, e criticou a postura de quen se poñen “de perfil ante a barbarie” en vez de estar “do lado da humanidade”, en referencia ás ausencias de onte nos minutos de silencio polas vítimas da masacre, convocados pola Fegamp e que secundaron numerosas administracións locais galegas.
Feira de emprendemento
José Ramón Gómez Besteiro fixo un percorrido pola Pont-Up na compaña do portavoz socialista en Pontevedra, Iván Puentes; as deputadas autonómicas Paloma Castro e Silvia Longueira; o delegado de Zona Franca, David Regades, e membros da Executiva do PSdeG. Do encontro de emprendemento destacou a súa orientación a proxectos relacionados co rural, coas mulleres, coa innovación e coa economía social, “algo tan relacionado co que os e as socialistas defendemos”, indicou. Valorou tamén a implicación de institucións e administracións, “como a propia Zona Franca, que aposta por este proxecto que conecta o coñecemento co impulso á economía, a busca de relacións comerciais” e facilita tamén “fórmulas de financiamento que permita que ese emprendemento xurda en colectivos que o precisan”.
Besteiro, xunto á deputada Silvia Longueira, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, e portavoces socialistas e concelleiras e concelleiros responsables de política social en diferentes concellos: -Yolanda Aguiar, de Vigo. -Nereida Canosa, da Coruña. -Olga López Rocamonde, de Lugo. -Natalia González Benéitez, voceira do Grupo Socialista en Ourense. -Bibiana Peixoto, de Nigrán. -Nuria Lameiro, de Gondomar. -David Alonso, do Porriño. -Alejandro Figueroa, de Mos. -Marta Figueroa, de Culleredo. -Yolanda Bello, de Miño. -Catrina Queijo, de Cerceda. -Diego Díaz, alcalde de Val do Dubra.