Reivindica a importancia das linguas como ferramentas de convivencia e os “lazos inquebrantables” das e dos galegos con Cataluña, “unha referencia de pluralidade, acollemento e comprensión”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou as linguas cooficiais como “ferramentas de convivencia” dende o Nou Barris, en Barcelona, onde onte á noite foi o encargado de ler o pregón das festas de San Froilán. O líder dos socialistas galegos salientou os “lazos inquebrantables” de Lugo e de toda Galicia con Cataluña, “unha referencia de pluralidade, acollemento e comprensión”.
O responsable socialista reivindicou a iniciativa do PSOE, que el mesmo defendeu no Congreso, para regularizar o uso galego, euskera e catalán no Congreso, e que hoxe son utilizados “con total normalidade”. Defendeu o carácter dun “país diverso que posúe unha riqueza enorme na súa variedade, e que a vive con máis normalidade do que ás veces se quere contar” nuns tempos nos que “semella máis doado odiar que darse a man”.
Reivindicou Besteiro a “forza da igualdade e da cooperación” fronte a “os que levantan muros fronte ao diferente, aos que alimentan o odio ou intentan dividirnos ou enfrontarnos”, e defendeu os lazos de Galicia, e en concreto de Lugo, con Cataluña e o barcelonés Nou Barri, onde cada ano se celebra o San Froilán por iniciativa do colectivo Xuntanza de Cataluña e a asociación Amigos de san Froilán.
No seu pregón, definiu esta festa como u”nha fermosa maneira de irmandarse” e de manter os vínculos como legado da importante comunidade de lugueses e luguesas e a súa aportación á convivencia porque “a alegría non entende de fronteiras”. Reivindicou que os galegos “sempre levamos Galicia con nós alá onde vaiamos”, e puxo como exemplo a capital condal, onde “se respira moita Galicia”.
Besteiro salientou o “enorme afecto que temos dende moitísimas partes de España por Cataluña” como testemuñan xeracións de galegos e galegas que “atoparon aquí un lugar para vivir, traballar e formar parte dunha sociedade que constantemente busca avanzar”.
O secretario xeral do PSdeG e tamén portavoz do Grupo Parlamentario Socialista celebrou os “lazos inquebrantables” entre Galicia e Cataluña, que representan os “vencellos entre moitos pobos de España que cada día é máis forte porque hai xente que o mantén vivo”.