“Aínda non sabemos cal é o modelo de financiamento de Feijoo e Rueda”, criticou o secretario xeral do PSdeG sobre a falta de propostas e de vontade para negociar por parte dos populares
O líder socialista alertou dos recortes aos fondos para a pesca e o agro que planea unha Comisión Europea “escorada ao PP” mentres o presidente da Xunta cala
A Coruña, 17 de xullo de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou que Feijoo e Rueda falen de igualdade cando se acaban de coñecer os manexos do Goberno de Aznar para beneficiar a afíns. “Onte descubrimos que o milagre económico que era Montoro se dedicaba a xestionar leis en beneficio duns poucos”, criticou o líder socialista tras a imputación do exministro popular por introducir cambios normativos para favorecer a grandes compañías que traballaban co despacho de avogados que el mesmo fundara.
Besteiro censurou que Feijoo anunciase tamén onte que se propoñía derrogar calquera acordo de financiamento se chegaba a gobernar, e máis cando “aínda non sabemos cal é o seu modelo, máis alá de opoñerse a todo”. Segundo dixo, nin o presidente do PP nin Rueda “son capaces de dicir como ten que ser o financiamento autonómico, pero si torpedean e entorpecen” o diálogo para acadar “un sistema mellor”.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego reclamoulle a Rueda que sente na mesa “a discutir un bo financiamento para Galicia”, de acordo coas condicións “singulares” da comunidade autónoma, como son o avellentamento e a dispersión poboacional “que condicionan os servizos públicos”. Lamentou que mentres se nega a facelo, o que si promove son “bonificacións para os grandes patrimonios”, mediante “unha lexislación desigual” á que os socialistas aspiran a “pórlle fin”.
“Hai que ter decisión política e valentía, e non estar esperando o que lle mandan desde Madrid”, advertiu Besteiro sobre un presidente da Xunta que “ten que manifestar xa cal é a súa posición sobre o financiamento”.
O secretario xeral do PSdeG marcou distancia, ao mesmo tempo, cos postulados dun BNG “que aposta polo concerto, cando esa fórmula prexudica claramente a Galicia e non se está formulando para ningunha comunidade”. Nese senso, sinalou que o modelo que se propón para Cataluña non é o do concerto e, ademais, “é exportable” a todos os territorios. José Ramón Gómez Besteiro recordou tamén que ese modelo inclúe unha cota de solidariedade “que garante recursos suficientes para afrontar a prestación dos servizos públicos” en igualdade.
O líder socialista alertou de que o debate sobre o financiamento autonómico prodúcese nun momento no que “teriamos que estar protestando polas decisións dunha Comisión Europea escorada ao Partido Popular”, que propón un recorte do 66 % nos fondos destinados á pesca e máis dun 20 % na Política Agraria Común no marco orzamentario para o período 2028-2034. “Iso é claramente desfavorable para Galicia”, advertiu, e preguntouse se un asunto tan importante formou parte da axenda do PP durante a visita do comisario de Pesca a Galicia. “Non sei onde estaba Rueda nin se lle preocupa ou non”, dixo.
Menores migrantes
Besteiro tamén se referiu, a preguntas dos medios, á cancelación da Conferencia Sectorial de Infancia debido ao boicot das comunidades onde goberna o PP, que a cualificou de ilegal. “Sempre é ilegal todo o que quere torpedear o Partido Popular”, ironizou o secretario xeral, que apuntou que ese xeito de facer política “prexudica claramente os intereses dos galegos e das galegas”. “Somos un país de emigrantes, e cando falamos de cifras que non chegan nin a un menor por concello, a posición do PP galego é lamentable e profundamente insolidaria”, dixo en referencia á proposta de acollida de pouco máis de 300 menores trasladada polo Goberno central.
“Miremos onde miremos, vemos inmigrantes traballadores, homes e mulleres que tamén están subindo o PIB de Galicia e de España. Pero a visión do PP está claramente orientada ao seu xiro radical, ultra, que manifestou no seu congreso”, criticou José Ramón Gómez Besteiro, para o que “a inmensa maioría dos españois e dos galegos e galegas non somos así”.