O líder dos socialistas galegos participou hoxe no acto institucional das Medallas de Galicia e anticipou a tradicional ofrenda a Castelao en Rianxo, “como cada Día de Galicia dende hai case 30 anos”
Este xoves, ás portas do Día de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro achegouse á Cidade da Cultura para participar na entrega das Medallas de Galicia. Fíxoo, como el mesmo dixo, “con respecto institucional, como sempre facemos”, pero tamén coa vontade de transmitir “unha ollada propia sobre o país que somos… e, sobre todo, sobre o que queremos chegar a ser”.
O líder do PSdeG non evitou o contexto político que envolve esta celebración. “A verdade é que hoxe tocaba festexar, recoñecer, sentir orgullo. Pero tamén hai cousas que non se poden calar. E o que pasou onte no Congreso é unha delas”, lamentou, en referencia ao rexeitamento ao decreto antiapagamamentos por parte de PP, Vox e BNG. “É un golpe ás posibilidades de futuro para Galicia”, advertiu.
Besteiro explicou que o decreto non era un trámite máis. “Era unha oportunidade para reforzar a nosa rede eléctrica, dar un pulo serio ás renovables —moitas delas agora atrapadas nos xulgados—, apoiar o autoconsumo e abrir a porta a que industrias punteiras, ou mesmo centros de datos, se instalen aquí, no noso país”.
E insistiu: “En vez diso, vimos como PP e BNG puxeron por diante os seus cálculos políticos. Un, por bloqueo sistemático. O outro, por intransixencia. Pero o resultado é o mesmo: Galicia queda fóra”.
Besteiro asegurou que, fronte a ese escenario, o PSdeG seguirá a dicir “alto e claro” que este país necesita outra cousa: “Enerxía limpa, industria moderna, oportunidades para a xente moza que quere traballar aquí e non ter que marchar. Iso é construír país”.
E xa mirando a mañá, anunciou a tradicional cita socialista do 25 de xullo en Rianxo. “Faremos o que levamos facendo case trinta anos: ofrecer ante Castelao a nosa Galicia. Un país plural, con alma democrática, con ambición de futuro. E tamén con memoria. Porque sen memoria non hai proxecto”.
“En días coma este —rematou—, non chega con colgar a bandeira. Hai que defender Galicia de verdade: a súa lingua, a súa identidade, pero tamén o seu porvir industrial, a súa capacidade de medrar e decidir. Iso é o que nos xogamos”.