O secretario xeral do PSdeG denuncia desde Quiroga a “xestión caótica e improvisada” da Xunta fronte á vaga de lumes
Lamenta que o Goberno de Rueda deixe sen executar fondos para a prevención en zonas de alto risco e oculte información á cidadanía en plena emerxencia
Os incendios forestais están a arrasar milleiros de hectáreas en distintas zonas de Galicia, con especial dureza en concellos como o de Quiroga. Alí estivo esta tarde o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para trasladar o seu apoio á veciñanza e denunciar a resposta “caótica e improvisada” da Xunta de Galicia fronte a vaga de lumes.
“É imposible non sentir a dor e a indignación da xente, e facelas propias”, subliñou Besteiro. “Nestes momentos o esencial é estar a carón da veciñanza: apagar o lume, protexer vidas e bens, e garantir que mañá haxa axudas reais para que poidan saír adiante”.
O líder dos e das socialistas de Galicia advertiu, non obstante, que a emerxencia tamén pon en evidencia unha grave falla de previsión por parte do Goberno galego. “Cada día que pasa vemos con máis claridade que a Xunta non estaba preparada como se nos dixo. A xestión está a ser deficiente: hai medios autonómicos parados mentres se reclaman máis recursos ao Estado, fondos europeos destinados á prevención sen executar en zonas de alto risco, e información que se oculta á cidadanía”, criticou.
Neste sentido, insistiu en que o urxente é apagar as chamas, pero o esencial é que non se repitan: “Galicia necesita un Goberno que exerza as súas competencias, que aprenda das leccións, que prevexa e actúe, e non un Executivo que abandona o rural e reacciona tarde”.