O secretario xeral do PSdeG fixo este anuncio desde unha celda do antigo cárcere de Lugo, que conserva gravados nas súas paredes os nomes dos veciños e veciñas represaliados pola ditadura franquista
Besteiro apoiou tamén a petición do alcalde de Lugo e confiou en que o Vello Cárcere se sume aos Lugares de Memoria e respecto ás vítimas da represión
Defende a Memoria Histórica como ferramenta contra o esquecemento, o negacionismo e os discursos do odio e para garantir o coñecemento da historia entre os mozos e mozas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe no Vello Cárcere de Lugo que o Goberno de España iniciará a próxima semana os expedientes para declarar o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como Lugares de Memoria Histórica, cumprindo así co compromiso adquirido polo Executivo.
Besteiro salientou que se trata dun paso fundamental para “combater o esquecemento, o negacionismo e os discursos do odio e dignificar a memoria das vítimas do franquismo”. Subliñou que esta declaración, prevista na Lei de Memoria Democrática, outorga unha especial protección e recoñecemento a espazos vencellados á represión, cunha función conmemorativa, pedagóxica e reparadora.
O dirixente socialista amosouse confiado en que, tras este avance, o Vello Cárcere de Lugo se sume tamén á rede de lugares de memoria. Recordou que o alcalde Miguel Fernández presentará formalmente a candidatura ante o secretario de Estado de Memoria Democrática a próxima semana, coincidindo cun acto no propio edificio que hoxe funciona como centro cultural e de memoria democrática.
Previamente, a portavoz socialista e concelleira de Cultura, Ana Abelleira, puxo en valor a simboloxía do Vello Cárcere e destacou que “non é só un espazo de exposicións e actividades, senón sobre todo un lugar de dignificación, de reparación e de loita contra o esquecemento”. Abelleira lembrou que a rehabilitación do edificio, impulsada polo Concello en 2009, naceu coa vocación de ser un referente da memoria democrática en Lugo.
No acto participou tamén a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, que arroupou a reivindicación de que o Vello Cárcere sexa recoñecido oficialmente como Lugar de Memoria Democrática.
Besteiro emprazou á Xunta a respectar estes recoñecementos e a abandonar “actitudes de negación ou banalización da memoria”, como a autorización de festas pirata ou clases de bachata na Illa de San Simón, que cualificou como “unha falta de respecto ás vítimas e ás súas familias”.
“O futuro da nosa democracia constrúese sobre a memoria, a reparación e o recoñecemento das vítimas do franquismo. Non hai futuro sen memoria”, detacou o líder socialista, que reivindicou estas iniciativas como ferramentas para garantir o coñecemento das xeracións máis novas.
Incendios e comparecencia de Rueda
A preguntas dos xornalistas, o secretario xeral do PSdeG referiuse tamén á comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, prevista para o 9 de setembro no Parlamento, e advertiu de que os socialistas reclamarán responsabilidades pola xestión dos incendios forestais. Criticou a falta de coordinación, de medios e de planificación do Goberno galego, e acusou ao PP de “refuxiarse en desculpas como a trama incendiaria en lugar de asumir a súa incompetencia tras 17 anos de goberno”.