O secretario xeral do PSdeG reclama un cambio inmediato de rumbo nas políticas forestais e sociais da Xunta, denuncia incumprimentos en materia de prevención e salienta a necesidade de reforzar educación e sanidade
Besteiro tamén reclama un alto ao fogo inmediato en Palestina e denuncia o xenocidio contra o pobo palestino
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe de que o Partido Popular “mantén un negacionismo absoluto” tanto fronte ao cambio climático como na xestión dos servizos públicos esenciais. No inicio do curso político, Besteiro reclamou dende o Campus da USC un cambio inmediato de rumbo na política forestal da Xunta e lembrou que a vaga de lumes do pasado mes de agosto deixou en evidencia “a falta de planificación, os déficits de persoal e a ausencia de medios” do Goberno galego.
“O que Galicia precisa son solucións, non escusas. Despois de 17 anos de gobernos do PP seguimos co mesmo problema, pero cada vez con maior gravidade. É hora de protexer os montes e os servizos públicos con feitos e orzamento, non con propaganda”, subliñou.
O líder socialista recordou que a Xunta incumpriu a maior parte das 123 medidas aprobadas no ditame parlamentario de 2018 contra o cambio climático e que chegou á campaña de verán con centos de prazas vacantes no servizo de extinción e cos prazos do plan de incendios sen cumprir. “O presidente Rueda debe explicar por que se chegou a agosto sen todos os recursos operativos e por que non se executaron as medidas acordadas. Galicia non pode permitirse outra campaña como a deste verán”, afirmou.
Besteiro puxo tamén o acento no deterioro dos servizos públicos, denunciando que o negacionismo do PP se traduce en recortes en educación —coa falta de persoal de apoio ao inicio do curso escolar— e en sanidade, onde continúan as protestas cidadás como as de Moaña, con máis de 200 semanas reclamando un servizo de urxencias digno. O líder socialista sinalou que defender os servizos públicos non pode quedar nun lema, senón que require dotar de recursos e persoal os centros educativos e sanitarios.
No plano internacional, e a preguntas dos xornalistas, Gómez Besteiro foi taxante sobre a crise en Oriente Próximo:
“O realmente importante é que nos centremos en que se poña fin a esa masacre, a ese xenocidio que Israel está facendo contra Palestina. Que haxa un alto ao fogo real e que os responsables se leven ante a xustiza internacional.”
A rolda de prensa arrincou coa intervención do secretario de Organización das Xuventudes Socialistas de Galicia, Enrique García, quen presentou a campaña da organización xuvenil contra o negacionismo climático do Goberno de Rueda. García lembrou que en Ourense ardeu este verán arredor do 13% da superficie provincial e reclamou a dimisión da Conselleira de Medio Rural, da de Medio Ambiente e do propio presidente pola súa xestión dos incendios.