
O secretario xeral do PSdeG cualifica de “indecentes e vergonzosas” as declaracións de Diego Calvo: “Emprega a protección as vítimas para presionar ao Ministerio e evitar a sinatura do convenio da policía adscrita caducado desde 2008”
Besteiro lembra que, segundo fontes sindicais, en Galicia hai 350 policías adscritos e só 13 dedicados á protección das vítimas, fronte aos 20 axentes destinados en exclusiva ao servizo de seguridade de Rueda
O grupo parlamentario socialista ven de rexistrar a petición de comparecencia en Pleno do conselleiro Diego Calvo para que explique as súas declaracións
O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de “indecente e vergonzoso” que o PP utilice a protección das vítimas de violencia machista como ferramenta de presión política. Advertiu de que resulta inasumible que o vicepresidente primeiro, Diego Calvo, ameace con deixar sen respaldo ás mulleres maltratadas para forzar ao Ministerio do Interior a aceptar as súas condicións e así evitar a renovación dun convenio caducado desde 2008.
O acordo regula a colaboración coa Unidade da Policía Adscrita a Galicia (UPA Galicia), encargada, entre outras funcións, de tarefas vinculadas á protección das vítimas a través do sistema VioGén. A renovación do convenio é imprescindible para garantir medios, recursos e unha financiación compartida que xa asumen outras comunidades gobernadas polo PP, como Andalucía ou Madrid.
“O que está facendo a Xunta coa unidade policial adscrita á Comunidade Autónoma (UPA Galicia) e coa protección das mulleres vítimas de violencia machista é dunha indecencia que traspasa calquera liña vermella. En Galicia, segundo fontes sindicais, hai 350 policías adscritos e só 13 dedicados ao sistema VioGén, mentres o presidente Rueda mantén 20 axentes ao seu servizo persoal. Esa é a prioridade do PP: protexerse a si mesmos antes que protexer ás mulleres”.
Pero Besteiro advertiu de que o máis grave non son as cifras, senón a actitude: “É tremendo e inadmisible que o PP utilice politicamente ás vítimas e que chegue ao extremo de ameazar con non protexelas. Iso supera absolutamente calquera límite”.
O líder socialista denunciou que a Xunta está convertendo a UPA Galicia “nun instrumento de confrontación co Goberno de España”, ao tempo que “abandona ás vítimas e muda as funcións do corpo policial”. Lembrou que a administración autonómica retirou a 16 axentes da vixilancia do Parlamento para destinalos a acompañar conselleiros en actos institucionais, “sen un destino operativo nin utilidade pública”.
Besteiro cualificou as declaracións do conselleiro Diego Calvo de “irresponsables e de extrema gravidade”. Neste sentido, recordou que en España, no que vai de ano, foron asasinadas 42 mulleres pola violencia machista. Cuarenta e dúas. Dous en Galicia, onde hai máis de 6.000 baixo seguimento por risco. E, con esta realidade enriba da mesa, o PP decide lanzar unha ameaza inaceptable: “Diego Calvo advertiu de que poderían deixar desamparadas ás vítimas se o Ministerio non acepta as súas condicións. Iso non é un desacordo administrativo: é cruzar unha liña que un goberno nunca debería cruzar”.
Con esa ameaza, sinalou o secretario xeral do PSdeG, o que fai o PP é abandonar ás mulleres e inflíxelles aínda máis dano ao aumentar o seu medo ao escoitar que a Xunta as pode deixar completamente desprotexidas. “Unha mensaxe así non só é irresponsable; infunde medo e rompe a confianza que debe garantir calquera administración”, explicou.
E, precisamente por isto, pedimos a comparecencia urxente do conselleiro no Parlamento: “Calvo e Rueda terán que explicar que pretendían facer e por que chegaron a este punto”. Porque as vítimas non poden quedar atrapadas nun pulso político entre administracións.