

O secretario xeral do PSdeG acusa ao PP galego de darlles as costas a máis de 700.000 maiores e persoas vulnerables para castigar ao Goberno central: “Aquí non se castiga a un goberno, castígase á xente”
O líder socialista sinalou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao PP galego por avalar esta posición. “Cando o PP vota con Vox contra a subida das pensións, Rueda cala e consinte”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao Partido Popular de “darlles as costas aos pensionistas galegos” tras votar no Congreso xunto con Vox, a ultradereita, en contra do decreto do escudo social, que incluía a revalorización das pensións conforme ao IPC.
“Falamos de persoas que traballaron toda a vida e que non poden ser usadas como arma política”, sinalou Besteiro, quen criticou que o PP “non teña reparo algún en votar coa ultradereita” para frear unha medida que afecta directamente aos maiores e ás persoas máis vulnerables.
En Galicia hai máis de 700.000 pensionistas, moitos deles con pensións medias máis baixas ca no conxunto do Estado. Para miles de fogares, a actualización anual das pensións non é un debate ideolóxico, senón unha cuestión moi concreta: poder facer fronte aos gastos básicos do día a día, desde a compra ata a luz, a auga ou os medicamentos.
Besteiro lembrou que o decreto tumbado incluía tamén medidas de protección social, como a prohibición de desafiuzamentos e dos cortes de subministracións básicas a persoas vulnerables, e criticou que o PP “vote coa ultradereita para derrubar un paquete de dereitos mentres intenta aparentar moderación noutras votacións”. “Aquí non se castiga a un Goberno, castígase á xente”, advertiu.
O líder socialista sinalou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao PP galego por avalar esta posición. “Cando o PP vota con Vox contra a subida das pensións, Rueda cala e consinte. E cando se cala ante unha decisión así, está aceptando que sexan os pensionistas galegos quen paguen o prezo desa alianza”, denunciou.