O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista denuncia que o presidente da Xunta ocultou durante meses a denuncia e amparou ao conselleiro cun “abrazo público” mentres silenciaba á vítima
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao Partido Popular de “amparar a impunidade” ao impedir, cos seus votos, que o presidente da Xunta comparecese no Parlamento galego para dar explicacións sobre a denuncia por agresión sexual contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares.
“Onte pedinlle ao presidente que dera a cara. Que comparecese e explicase por que, sabendo da denuncia desde febreiro, non fixo absolutamente nada”, sinalou Besteiro. “Rueda escolleu ocultar a información, homenaxear publicamente ao conselleiro denunciado e condenar ao silencio á vítima. Esa actitude é un aval á impunidade”.
Besteiro cualificou a actuación do presidente da Xunta de irresponsable, e afirmou que “o que está en xogo non é só unha denuncia gravísima, senón a resposta institucional fronte a ela”. “A responsabilidade dun presidente non é encubrir, senón garantir transparencia, rigor e protección das vítimas. Rueda fixo xusto o contrario”.
Previamente, a portavoz socialista na Xunta de Portavoces, Elena Espinosa, defendeu que Rueda comparecese para dar explicacións, subliñando que “é inadmisible que estivese ocultando a información durante meses”. “Non se pode consentir que se vitimice a quen presenta unha denuncia. Hai que respectala”, afirmou.
Espinosa lamentou tamén as palabras do PP na propia Xunta de Portavoces, onde aseguraron que se trataba dun delito no “ámbito privado”. “Todo o mundo sabe que, cando falamos de violencia de xénero, eses delitos son públicos desde hai anos. Pero, ademais, falamos dunha persoa con responsabilidade institucional, que formaba parte do Goberno galego”, dixo.
O Grupo Socialista reclama “transparencia absoluta” e insiste en que non dar explicacións é unha forma de encubrimento. “Cando un presidente cala ante unha denuncia así, está lanzando unha mensaxe equivocada á sociedade”, concluíu Besteiro.