“Onte falábanos Feijóo do rearme moral, pero rearme moral é o que está facendo na Illa o Concello socialista”, asegurou o secretario xeral do PSdeG
A produción marisqueira na Illa caeu un 31% nun ano, cunhas perdas económicas superiores aos 15 millóns de euros
O líder socialista reuniuse na confraría de pescadores coas mariscadoras e visitou varias bateas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá a Illa de Arousa, onde se reuniu na confraría de pescadores coas mariscadoras e percorreu as bateas da zona. Alí denunciou a inacción da Xunta fronte ao deterioro da ría e puxo en valor o compromiso dos gobernos socialistas coa vivenda pública e a xustiza social.
“O mundo emblemático que é a Illa de Arousa, un centro de produción marisqueira de referencia, está a rexistrar unha caída da produción do 31% por mor da inacción da Xunta de Galicia. Iso tradúcese en máis de 15 millóns de euros perdidos nun ano e case 2 millóns menos para a confraría da Illa”, advertiu Besteiro.
Fronte a esa deixación de funcións por parte da única administración con competencias, sinalou que “as políticas da Xunta están ausentes: o saneamento, a recuperación, a evitación dos verquidos á ría, o dragado da propia ría, o coidado, o mantemento… obras como a Depuradora de Augas Residuais están a ser afrontadas só polo Goberno de España e polo Concello. A aposta da Xunta de Galicia debe ser real pola recuperación das nosas rías”.
Besteiro contrastou esta realidade coa hipocrisía do PP, e concretamente de Rueda e Feijóo: “Onte falábanos Feijóo do rearme moral. Rearme moral é o que está facendo na Illa o Concello socialista, recuperando terreos confiscados ao seu amigo narco para facer vivenda social, para poñer fin tamén a un problema evidente, que tamén se vive aquí: a ausencia de vivenda, a ausencia de vivenda pública, que durante os últimos 15 anos o Partido Popular non foi quen de facer”.
“Hoxe aquí en Galicia, na Illa da Arousa, cun Goberno socialista, estase poñendo fin a esa situación: recuperar terreos embargados aos narcos para facer 70 vivendas sociais e un marabilloso parque para a veciñanza deste concello”, concluíu.
Na súa visita, Besteiro estivo acompañado polo alcalde da Illa, o socialista Luis Arosa; polos deputados Julio Abalde e Paloma Castro; e polo portavoz da Executiva Nacional do PSdeG, Julio Torrado.