

“Non é que a sanidade vaia mal: é que a están deixando caer a conciencia”, advirte o líder socialista tras debuxar unha década de decisións do PP que empeoraron todos os indicadores
Besteiro advertiu de que este deterioro ten consecuencias directas: unha fuga progresiva cara á sanidade privada
Reclama a Rueda que dea explicacións e actúe en sanidade como o Goberno está a facer co escudo social
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026. A sesión de control ao presidente da Xunta deixou este mércores un diagnóstico claro sobre o estado da sanidade pública galega. O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, acusou a Alfonso Rueda de levar anos impulsando “unha demolición deliberada” do sistema, cunha sucesión de decisións que, lonxe de corrixir os problemas, agravaron todos os indicadores. “Non estamos ante un problema puntual. Estamos ante unha forma de gobernar”, resumiu.
A intervención arrancou cunha idea de fondo: o deterioro do sistema non é unha percepción illada, senón unha realidade cada vez máis compartida pola cidadanía. Hai dez anos, o 75% dos galegos e galegas pedía cambios na sanidade pública. Hoxe, esa preocupación acada xa ao 90%. E mentres medra a desconfianza no público, sinalou Besteiro, tamén aumenta a deriva cara ao privado.
Un deterioro sostido no tempo
Besteiro reconstruíu no pleno a evolución da sanidade galega para desmontar calquera intento de situar o problema no presente inmediato.
En 2016, coas listas de espera disparadas, a resposta da Xunta foi limitar a información pública.
En 2018, a Atención Primaria chegou a un punto crítico, con dimisións en bloque en Pontevedra.
En 2019, as mobilizacións e folgas responderon a unha situación xa insostible, mentres o Goberno anunciaba comisións sen resultados reais.
E en 2023, a Xunta comprometeuse a reducir as listas de espera cun plan que non só non se cumpriu, senón que acabou coa tendencia inversa: todas as listas aumentaron.
“Non é unha sucesión de erros. É unha liña de actuación continuada”, advertiu o voceiro do Grupo Parlamentario Socialista.
Besteiro tamén puxo o foco nun dato especialmente revelador: hoxe o 43% dos pacientes galegos non conseguen cita en Atención Primaria no prazo de catro días fixado pola propia Xunta. Unha cifra que, segundo subliñou, non pode explicarse nin pola folga actual nin por factores recentes, xa que a tendencia vén de atrás: no ano 2022 era do 18% e no 2025 xa se movía entre o 32% e o 38%.
A iso engadiu outro indicador clave: unha espera media de arredor de nove días para ser atendido en Atención Primaria e unha situación especialmente preocupante nas probas diagnósticas, onde os tempos poden superar amplamente os dous e incluso os seis meses: “Isto non vai de cifras. Vai da preocupación real de persoas que, en moitos casos, están esperando respostas que afectan á súa saúde e á súa vida”.
O certo é que na actualidade, preto de 400.000 persoas están en listas de espera en Galicia, con cifras que, segundo destacou, son as peores da última década. Besteiro advertiu de que este deterioro ten consecuencias directas: unha fuga progresiva cara á sanidade privada.
O incremento dos seguros de saúde, o aumento do gasto de peto e a percepción de que o sistema público non responde están a consolidar, ao seu xuízo, un cambio de modelo. Neste contexto, mencionou tamén elementos como os sobrecustos do hospital de Vigo, as carencias na atención á saúde mental ou as deficiencias na concertada.
“Estamos vendo como se debilita o público mentres se abre paso un modelo no que cada vez máis xente se ve obrigada a buscar alternativas”.
“Eu veño aquí a defender aos pacientes”
Na súa réplica, Besteiro respondeu directamente ás palabras do presidente da Xunta que, como vaticinou o líder socialista culpou ao Goberno de España, e deixou clara a súa posición: “Eu veño aquí a defender aos pacientes”, afirmou, insistindo en que a súa intervención non responde a un dato puntual, senón a un “relato histórico” de máis dunha década de xestión do Partido Popular.
Reivindicou a necesidade de preservar un sistema público forte, “sen desviacións cara á actividade privada”, e criticou que as propostas formuladas polos socialistas nos orzamentos para reforzar a sanidade pública foran rexeitadas.
Nesta liña, Besteiro destacou que “hoxe hai un presidente do Goberno que está defendendo un escudo social, que vai ao Congreso a dar a cara e a explicar o que está facendo. En sanidade é o que ten que facer vostede”, contrapuxo.
“Vostedes non se queren comprometer coa sanidade pública nin cos pacientes en Galicia”, acusou. E advertiu de que o que está en xogo non é só a xestión, senón o modelo: “O que estamos vendo é unha programación de desmantelamento da sanidade pública en favor da privada”.