O líder do PSdeG advertiu na súa pregunta ao presidente da Xunta de que “esa folla de ruta ideolóxica foi aprobada esta fin de semana no Congreso do PP e aplaudida polo PP galego, malia implicar ameazas directas como a privatización de Navantia”
O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, interpelou este mércores a Alfonso Rueda no pleno do Parlamento para advertirlle de que está a aplicar “un programa político ultra que pouco ten que ver coas necesidades da maioría”, e que foi avalado expresamente polo PP galego esta fin de semana no Congreso estatal do partido.
“Cando vostede apoia que o Estado debe reducir o seu peso nas empresas públicas… está vostede dicindo que vai impulsar que se privatice Navantia, ou non? Explíqueo, para saber se se enterou vostede do que fixo esta fin de semana”, espetoulle Besteiro. “A nós parécenos especialmente preocupante. Queremos que Navantia siga sendo o que é: unha empresa pública ao servizo do país, e non outro botín para un fondo voitre”.
Neste contexto, advertiu que “vostede empeza a dar verdadeiro medo como presidente”, tras constatar que as prioridades do Goberno galego non responden ás necesidades do país.
O líder socialista advertiu que o presidente da Xunta está a asumir como modelos políticos os que provocaron algúns dos maiores retrocesos sociais e económicos das últimas décadas. En vivenda, sinalou que propoñen máis liberalización de chan e menos control, a mesma receita que aplicou Rodrigo Rato e que acabou provocando a burbulla inmobiliaria que afundiu a miles de familias. En corrupción, denunciou que o PP segue mirando cara a Aznar, o presidente que fixo do Partido Popular unha rede de poder con sobres en negro. E no tratamento da inmigración, criticou que o goberno de Rueda adopta os postulados da ultradereita que representa Santiago Abascal, dividindo entre bos e malos inmigrantes en función da súa utilidade económica ou da súa cultura.
“Ao final, vostede ensinounos os seus modelos para os asuntos importantes: en vivenda, a solución Rato; en corrupción, a receita Aznar; en inmigración, a doutrina Abascal. Só lle falta atender a Mazón como referente de emerxencias, e xa ten o seu póker de ases”, concluíu Besteiro.
Tamén puxo o foco nas incoherencias fiscais do PP: “Falan vostedes de que hai que reducir impostos por todos os lados e para todo. Pero resulta que en Ferrol suben o 10 % do IBI, así do tirón. Que foi? Que o alcalde de Ferrol deuse de baixa do PP ou tampouco se enterou?”
Besteiro advertiu de que o modelo económico que promove o Partido Popular deixa fóra á maioría social: “Desprezan a suba do salario mínimo, pero falan de elevar o salario medio. Que significa? Que vostedes vanse preocupar por subir os salarios máis altos. En resumo, políticas para quen máis ten. Como sempre cando gobernan”.
“Non sei se é vostede peor polo que non fai ou polo que promete”, concluíu Besteiro, pedíndolle a Rueda que abandone a propaganda e actúe con responsabilidade: “Rectifique, atenda, escoite e actúe. Porque mentres vostede celebra, Galicia queda atrás”.