O secretario xeral do PSdeG solicitará unha comisión de seguimento dos acordos en prevención de incendios de 2018 e avisa de consecuencias se se detectan neglixencias
Lembrou tamén que o Grupo Socialista advertira en reiteradas ocasións, sen éxito, da precariedade do dispositivo: contratos temporais de brigadistas, falta de cobertura das baixas, abandono do rural ou motobombas paradas por falta de persoal
O voceiro do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, interveu na Deputación Permanente para reclamar a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e esixir explicacións inmediatas pola vaga de incendios que arrasou Galicia este verán. Besteiro advertiu que o seu grupo non descarta acudir á Fiscalía se da comisión de seguimento resultan evidencias de neglixencias punibles: “Sete anos despois do ditame do Parlamento en 2018, a maioría das 123 medidas segue sen aplicarse, incluída a Lei galega de loita integral contra os incendios forestais”.
O socialista abriu a súa intervención con palabras de afecto ás persoas que sufriron a destrución dos lumes e de gratitude para quen loitou contra o fogo: “Se alguén merece medallas e honores son os brigadistas, bombeiros, a UME, as forzas de seguridade e a veciñanza que se xogou a vida”.
Galicia sen medios nin prevención
Besteiro acusou a Rueda de ser responsable directo dunha Galicia que se enfrontou aos incendios sen planificación nin medios suficientes: “Non había os efectivos prometidos, nin o Pladiga funcionou como debía.” E foi máis aló lembrando os máis de 8 millóns de euros de fondos europeos para prevención quedaron sen executar.
Aludiu tamén a que o PSdeG advertira en reiteradas ocasións da precariedade do dispositivo: contratos temporais de brigadistas, falta de cobertura das baixas, abandono do rural ou motobombas paradas por falta de persoal. “E a súa resposta sempre foi a mesma: rir, negar e presumir de que todo estaba perfecto”, denunciou.
Comisión de seguimento e responsabilidade política
Besteiro anunciou que o PSdeG pedirá a posta en marcha inmediata dunha comisión de seguimento das medidas aprobadas no ditame parlamentario de 2018 e da xestión desta vaga de incendios. Unha comisión que, segundo advertiu, terá consecuencias: “Se se detectan neglixencias, non descartamos levar as conclusións á Fiscalía. A sociedade galega merece saber a verdade e esixir responsabilidades”.
O voceiro socialista concluíu a súa intervención na Deputación Permanente asegurando que o que está en xogo non é unha batalla política, senón o futuro de Galicia: “Cando o lume arrasaba, a xente respondeu, os profesionais dérono todo e a solidariedade estivo presente. Só fallou o goberno. Non podemos permitir que isto volva repetirse. Nunca máis.”