
Advirte de que os demandantes de vivenda pública medran en Galicia a un ritmo de 700 persoas ao mes mentres a Xunta segue sen resposta ante unha crise que xa viñan advertindo tanto o PSdeG como a Valedora do Pobo
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de condenar a unha xeración enteira de galegos e galegas a non poder acceder a unha vivenda despois de 17 anos de gobernos do PP sen unha política pública eficaz neste ámbito.
Fíxoo durante a sesión de control no Parlamento de Galicia, onde preguntou directamente ao presidente se considera que as políticas do seu Goberno están realmente a solucionar o grave problema de acceso á vivenda que existe hoxe na comunidade.
Na súa intervención, Besteiro advertiu de que a evolución dos datos demostra xusto o contrario. O número de persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública pasou de arredor de 15.000 ao inicio da lexislatura a preto de 31.000 na actualidade, unha cifra que evidencia que cada vez hai máis galegos e galegas que non poden acceder a unha vivenda en condicións asumibles.
Segundo explicou, isto significa que o rexistro medra a un ritmo de arredor de 700 persoas cada mes, unha tendencia que, ao seu xuízo, reflicte con claridade que o problema non só non se está resolvendo, senón que continúa agravándose.
O líder socialista lembrou ademais que esta situación non é nova nin inesperada. Durante os últimos anos, o PSdeG xa viña advertindo no Parlamento do empeoramento das dificultades de acceso á vivenda, unha preocupación que tamén foi recollida nos informes da Valedora do Pobo, nos que se alertaba da necesidade de reforzar as políticas públicas neste ámbito.
Besteiro reprochou ao Goberno galego que, malia estas advertencias reiteradas, non puxese en marcha unha estratexia real para ampliar o parque público nin para mobilizar a gran cantidade de vivendas baleiras existentes en Galicia.
Ao seu xuízo, o resultado de anos de falta de planificación é unha crise que está afectando especialmente á xente nova e ás familias con rendas medias, que cada vez atopan máis dificultades para emanciparse ou acceder a unha vivenda en condicións asumibles.
“Cando unha xeración enteira non pode acceder a unha vivenda xa non estamos ante un problema individual, estamos ante un problema de país”, afirmou.
Por iso, o secretario xeral do PSdeG insistiu na necesidade de impulsar medidas estruturais que permitan aumentar a oferta de vivenda accesible, entre elas a creación dun banco público de vivenda en alugueiro que permita mobilizar vivendas baleiras e ampliar o parque público.