O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista denuncia a “pinza PP-BNG” que impide ao PSdeG preguntar a Rueda no Pleno mentres os socialistas manteñen a presión para garantir que o galego chegue á Eurocámara
Besteiro insistiu na necesidade de poñer en marcha políticas útiles, realistas e con visión de futuro: “O galego ten que converterse nunha prioridade. Para iso fan falta planificación, investimento e, sobre todo, vontade política, todo o contrario do que está a facer o PP”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o eurodeputado socialista Nicolás González Casares advertiron este luns que este é o momento de comprobar se o apoio do Partido Popular ao uso do galego no Parlamento Europeo foi sincero ou se se tratou simplemente dunha escenificación sen continuidade: “É o momento de quitar a careta”.
“En Galicia abrimos a porta para que o galego entre en Europa. Queremos saber se o PP está disposto a cruzala ou se todo foi unha pantomima”, advertiu Besteiro. O líder socialista lembrou que a proposta aprobada por unanimidade no Parlamento galego foi presentada pola deputada do PSdeG Silvia Longueira, presente tamén na rolda de prensa celebrada esta mañá no Parlamento de Galicia: “Os socialistas non celebramos o galego un día ao ano, senón todos os días, con políticas reais, tamén en Madrid e en Bruxelas”, sinalou.
Besteiro insistiu na necesidade de poñer en marcha políticas útiles, realistas e con visión de futuro: “O galego ten que converterse nunha prioridade. Para iso fan falta planificación, investimento e, sobre todo, vontade política, todo o contrario do que está a facer o PP”.
Durante a súa intervención, o secretario xeral dos socialistas galegos puxo o foco na exclusión do PSdeG da sesión de control ao presidente da Xunta: “Non puidemos preguntar no Pleno por culpa dunha pinza entre o PP e o BNG que pretende silenciar a voz do Partido Socialista nesta Cámara. Non lles interesa que cuestionemos ao presidente nin que defendamos con forza a lingua galega. Pero non nos van calar”.
Un traballo serio en Europa
O eurodeputado Nicolás González Casares explicou que o traballo para que o galego sexa recoñecido no Parlamento Europeo xa está en marcha: “Xa contactamos cos cinco vicepresidentes encargados da implantación das linguas cooficiais, entre eles Esteban González Pons, do PP europeo. Agora toca pasar das palabras aos feitos”.
González Casares lembrou que “a presidenta do Parlamento Europeo xa coñece o acordo aprobado en Galicia, igual que os eurodeputados doutras linguas cooficiais como o euskera ou o catalán. Se hai vontade política, o galego pode ser unha realidade na Eurocámara en 2026. Pero sen acción do PP, todo isto quedará en nada”.
O galego como prioridade
Besteiro insistiu en que “a cidadanía vai por diante das institucións”, como se demostrou o 17 de maio. “O galego necesita máis presenza real na vida pública, no ensino, na cultura e nas novas tecnoloxías. O futuro da lingua xógase no dixital, no educativo e no institucional. O galego non pode quedar fóra do mundo dos máis novos nin das decisións europeas”.
“Nós propoñemos planificación, investimento e políticas reais. Queremos que o galego estea tamén na intelixencia artificial, nas plataformas e nas redes sociais. Iso é o que fai falta: vontade política, e non fotos ou titulares”, concluíu.
Presidente desaparecido
A preguntas dos xornalistas sobre as declaracións de Paula Prado, Besteiro sinalou que “o PP intenta converter a política nun escenario de confrontación, é o que lles queda cando non teñen respostas para os problemas reais da xente.”
Así mesmo, precisou que “quizais Paula Prado tivo que saír á carreira a defender ao seu xefe porque o deixamos en evidencia co que pasou durante o apagón. Porque, como quedou demostrado, quen si desapareceu foi Alfonso Rueda, que abandonou o CECOPI en plena emerxencia, sen saber que ía pasar nin como responder.”
O líder dos socialistas galegos denunciou que o PP “hai nove anos xa intentou facerme desaparecer, e agora quere volver facelo, impedindo que formulemos a nosa pregunta ao presidente no Pleno, pero aquí estamos, defendendo a nosa posición con firmeza”. O que pretende o PP coa complicidade do BNG, dixo, “é facer desaparecer a voz do Partido Socialista nesta Cámara. Non o van conseguir”.