O líder socialista interpelou a Rueda pola denuncia por agresión sexual que afecta ao ex conselleiro do goberno galego Alfonso Villares, un caso que agochou durante meses. “Leva días fuxindo das explicacións e o seu silencio doe, o seu silencio avergoña”
Ante a falta de respostas do presidente da Xunta, foi o propio Besteiro quen puxo sobre a mesa as cuestións que a sociedade galega segue sen coñecer. Preguntou por que ocultou durante catro meses a denuncia por agresión sexual contra un conselleiro, por que filtrou o nome da denunciante e que pensa de ver a todo o PP aplaudíndo a rabiar ao exconselleiro
O voceiro do Grupo Socialista , advertiu a Rueda que a súa actitude “o que está a conseguir é revictimizar a quen denunciou”, e engadiu que o seu comportamento é unha indignidade política
O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situou hoxe a Alfonso Rueda no epicentro da crise política e institucional que vive Galicia tras a denuncia por agresión sexual contra un ex conselleiro do seu goberno. Durante a sesión de control no Parlamento, acusouno de ser xa non un presidente, senón un problema para o país.
Besteiro lembrou que, malia preguntarlle desde xaneiro polos problemas reais da cidadanía, como o gravísimo acceso á vivenda, Rueda respondeu en todo momento desviando a atención con referencias a Pedro Sánchez, á Lei de Amnistía ou mesmo á bandeira de España. “Unha burla, un insulto á intelixencia da xente que agarda solucións e recibe eslóganes”, reprochoulle.
Neste contexto, advertiu que “non estamos aquí para soportar eslóganes, senón para que vostede asuma as súas responsabilidades” e denunciou como o presidente da Xunta leva semanas fuxindo da súa obriga política. “Ten a obriga de explicar a política galega, pero escolle o silencio. Ten a obriga de tomar decisións sobre os problemas importantes, pero escolle o silencio. Cando xorden cuestións que sacoden a vida dos galegos e das galegas, vostede escolle o silencio. Escolle sempre o silencio”, afirmou.
Referiuse así á denuncia por agresión sexual que afecta ao ex conselleiro do goberno galego Alfonso Villares, un caso que Rueda tentou ocultar durante meses. “Leva días fuxindo das explicacións. Marchou de Galicia e estivo en silencio. E mesmo onte, por dúas veces, tivo a oportunidade de aceptar unha comparecencia neste Parlamento e volveu escoller o silencio. O seu silencio doe. O seu silencio avergoña”, engadiu.
Ante a falta de respostas do presidente da Xunta, foi o propio Besteiro quen puxo sobre a mesa as cuestións que a sociedade galega segue sen coñecer. Preguntou por que ocultou durante catro meses a denuncia por agresión sexual contra un conselleiro, por que promoveu unha homenaxe institucional a ese conselleiro dimitido por un caso tan grave e que pensa de ver a todo o PP aplaudíndoo a rabiar.
Interpelouno tamén sobre que opina de que se falase de “dimisión en conciencia” ou de “renuncia ao aforamento” cando o que había era un intento de dilatar os tempos, se é consciente de que filtrar o nome da denunciante pode ser constitutivo de delito e que pensa de que ese nome se soubese minutos despois de saír á luz a dimisión. Ademais, preguntou que lle parece que o foco se poña na muller que denuncia por unha agresión sexual e por que non dixo nin unha palabra contra a violencia machista.
Neste sentido, advertiu ademais que “con esa actitude o que están a conseguir é revitimizar a quen denunciou”, e engadiu que o seu comportamento “non só é unha indignidade política, senón tamén unha grave irresponsabilidade institucional”.
Sen recibir ningunha resposta por parte de Rueda, foi o propio Besteiro quen tivo que concluír: “Vostede ten todo o dereito a pensar que o seu amigo é inocente. Pero vostede é o Presidente da Xunta, non un colega que tapa, que acompaña cegamente a outro. O silencio non é unha opción dun presidente digno. O silencio, no seu caso, é unha renuncia. E cada día que pasa sen explicacións, queda máis claro que vostede non está á altura. Con vostede, Galicia non ten un presidente, ten un problema”.