
O secretario xeral do PSdeG defendeu que o arquivo do expediente do “proxecto propagandístico-industrial” do PP e Altri foi froito “da reivindicación do pobo galego” e do Goberno central, “que lle denegou axudas ás que non tiña dereito”
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, destacou hoxe en Boiro o impulso que os socialistas lle están a dar á reparación das vítimas da represión franquista. “Desde o Goberno estamos a levar a cabo unha política de recuperación, de rehabilitación e de lembranza da memoria democrática”, defendeu momentos antes de asistir ás xornadas en homenaxe aos boirenses fusilados en Boisaca en 1937, que comezaron esta mañá no pazo de Goiáns e continuarán mañá no cemiterio compostelán.
Besteiro destacou a colaboración do Executivo central coas universidades galegas e a declaración como lugares de memoria democrática de espazos tan simbólicos como o pazo de Meirás, a Illa de San Simón ou a cidade de Ferrol, “e coa recuperación de outros, como o Vello Cárcere de Lugo”. “Trátase de rescatar esa historia, de lembrala, para que non se volva producir”, afirmou.
De feito, desde 2018, o Executivo de Pedro Sánchez impulsou medidas como a Lei de Memoria Democrática de 2022, que supón un novo avance respecto da Lei de Memoria Histórica de 2007, tamén socialista. No caso de Galicia, destinou 700.000 euros para a recuperación de corpos das vítimas e a convenios coa Universidade de Santiago. Mentres, o Goberno de Rueda négase a destinar recursos propios á escavación de fosas comúns, á investigación ou á difusión, tratando de correr un manto de ocultación.
O líder socialista valorou o traballo que fan entidades coma Memoria Histórica de Barbanza, que, coa colaboración do Concello, “e co seu alcalde á fronte”, homenaxean esta fin de semana “aos oito de Boiro”. “Temos que reivindicar ás persoas que traballan desde ámbitos coma a militancia política e sindical, pero tamén cunha presenza moi activa na sociedade civil, e loitar nun momento no que vemos unha ameaza da ultradereita que lembra aquela represión franquista da Guerra Civil e da posguerra”, apuntou. Nese senso, remarcou que “a homenaxe aos fusilados de Boiro en 1937 é unha reparación moral e un deber para non esquecer o pasado”.
A macrocelulosa é unha iniciativa “mala para Galicia e que Galicia non necesita nin quere”
O secretario xeral do PSdeG tamén se referiu, en resposta a preguntas dos medios, ao arquivo do expediente de Altri por parte da Xunta. “Foi froito da reivindicación do pobo galego, pero tamén dun Goberno que desde o principio revisou o proxecto desde unha perspectiva medioambiental, económica e social, e que lle denegou axudas económicas ás que non tiña dereito”, subliñou, e insistiu en que se trata dunha iniciativa “que non é boa para Galicia, que non necesita Galicia, e que Galicia non quere”. En contraposición, Besteiro reclamou “proxectos industriais que acheguen traballo e riqueza” e que sexan respectuosos co medio ambiente “baixo os parámetros da transición enerxética”.
Recordou, ademais, que “o verdadeiro proxecto de macrocelulosa” para Palas de Rei coñeceuse xusto despois das eleccións autonómicas de 2024. A partir de aí, os socialistas “fixemos un seguimento durante dous anos para combatelo porque consideramos que é malo para Galicia”, insistiu. “Non podía competir no Perte de descarbonización, non podía obter as axudas multimillonarias que demandaba e, finalmente, non se lle concedeu a conexión eléctrica”, detallou sobre a “tripla negativa” do Estado a Altri.
O secretario xeral socialista comprometeuse a que o PSdeG seguirá “facendo seguimento” deste asunto para coñecer os pormenores de como se xestou unha iniciativa que foi “unha verdadeira manipulación, un proxecto propagandístico-industrial por parte do Partido Popular”. En concreto, referiuse aos compromisos que se adquiriron por parte da Xunta coa multinacional. “Non queremos que no futuro se volva producir algo similar”, dixo.