O secretario xeral do PSdeG anunciou en Vilamartín de Valdeorras unha reunión en Ourense de alcaldes e alcaldesas socialistas para esixir políticas reais de prevención e investimento no rural
O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, avisa de que “pobos enteiros poden desaparecer se as administracións seguen sen escoitar á xente que vive aquí cada día”
San Vicente de Leira, parroquia de Vilamartín de Valdeorras, converteuse nun símbolo doloroso do abandono que padece o rural galego. As lapas reducíron á cinza máis de 120 vivendas, palleiras e alpendres. Esa imaxe, como puido comprobar o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, “evidencia o abandono do rural tras 17 anos de goberno do Partido Popular”.
“O que vivimos aquí non é froito do azar. É o resultado dun abandono prolongado: sen garda dos montes, sen servizos públicos, con menos xente que coide desta terra. Galicia interior leva demasiado tempo esquecida polo PP e cando chega o incendio, quedamos indefensos fronte ao lume”, subliñou Besteiro.
Ademais, instou a cambiar o paradigma: “Non vale con mandar medios en agosto. O rural precisa vida constante. Precisa escolas, atención médica, oportunidades para a xente nova, actividade económica… e, sobre todo, prevención real, non meras cifras en papel. Atacamos o problema cando xa é tarde”.
En Vilamartín de Valdeorras, Besteiro anunciou unha iniciativa concreta: “Estamos organizando unha próxima reunión de alcaldes e alcaldesas socialistas para poñer en común propostas, experiencias e formar un plan que evite que unha catástrofe como esta se repita. Non imos conformarnos con palabras baleiras”.
Pola súa banda, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, describiu a situación con dureza e sinceridade:
“É unha situación verdadeiramente complicada. Non sabemos que axudas virán, pero o que nos preocupa agora é o que vén: choivas arrastrando cinzas e barro, ríos desbordándose, pobos enteiros que están en risco de desaparecer. Foron os veciños, cos seus tractores e cos mozos voluntarios, os que salvaron o que se puido salvar. A administración non estivo á altura”.
Álvarez tamén puxo en evidencia unha falla estrutural: “San Vicente sucumbiu porque só contaba cunha vía de escape. Trinta anos pedindo que a Deputación de Ourense mellorase esa estrada, e nada. E despois, a Xunta tampouco puxo os medios cando podían apagar o lume en Larouco ou Pitín. Unha vez desbordado, non queda nada por facer. Non se poden facer leis dende un despacho sen escoitar á xente que vive isto cada día. Nós coñecemos o monte, o río, sabemos do que falamos. Se non nos escoitan, isto volverá a pasar”.
No percorrido pola zona afectada, Besteiro e Álvarez estiveron acompañados por representantes do partido como o secretario provincial, Álvaro Vila, e a deputada autonómica Carmen Dacosta, entre outros.