
O líder dos socialistas galegos sitúa como prioridades das emendas aos orzamentos a vivenda pública de calidade, sanidade, política social, financiamento local e prevención de incendios e recuperación das zonas arrasadas este verán
Propón destinar 225 millóns de euros adicionais á vivenda, 100 millóns máis para garantir a viabilidade do SAF e outros 200 millóns de financiamento incondicionado para os concellos
Reivindica uns Orzamentos alternativos que poñan os problemas reais dos galegos e das galegas no centro da acción política
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, dixo hoxe que a condonación da débeda e a supresión das bonificacións fiscais aos máis ricos permitirían dispor de 1.000 millóns de euros para mudar as prioridades dos Orzamentos da Xunta e poñer ás persoas “no centro da acción política”.
O responsable socialista presentou as emendas á totalidade e transversal aos Orzamentos da Xunta, nas que priorizan a vivenda pública de calidade e o reforzo da sanidade e da política social, un modelo de financiamento local que desafogue aos concellos e o reforzo do sistema de prevención de incendios e a recuperación das zonas arrasadas polo lume este agosto.
Presentou un modelo de país alternativo dunha Galicia “solidaria e amable que non deixe a ninguén atrás” grazas aos 615 millóns de euros adicionais pola condonación da débeda e aos ingresos derivados de mudar o modelo fiscal para que pague máis quen máis ten. Con estas partidas sería posible “abrir unha xanela de esperanza para blindar os servizos públicos, garantir un crecemento económico sostible e emprego de calidade e poñer o benestar das persoas no centro”.
Besteiro dixo que os socialistas propoñen destinar 225 millóns de euros adicionais á vivenda, incluíndo 45 millóns á posta en marcha dun Banco Público de Alugueiro, 25 millóns para vivenda pública ou 40 millóns de euros para garantir axudas aos 22.000 mozos e mozas que quedaron fóra do bono de alugueiro polo desleixo do goberno galego. Inclúe ademais 5 millóns para que os concellos poidan implementar zonas tensionadas ou 40 millóns para residencias universitarias.
Sanidade
O líder dos socialistas galegos propuxo incrementar en 130 millóns de euros os Orzamentos destinados á sanidade pública, que permitirían recuperar un servizo de calidade para tódolos galegos e galegas garantindo condicións laborais dignas para os e as profesionais. Propón dedicar 80 millóns a reforzar o eixo do servizo sanitario que é a Atención Primaria, rematando cunhas listas de espera “insoportables” e co colapso da sanidade pública provocada pola xestión do PP.
O terceiro gran eixo corresponde ás Políticas sociais, que recibirían máis de 180 millóns de euros na emenda transversal presentada polos socialistas galegos, dos que a maior parte, 100 millóns de euros, estarían destinados a garantir a viabilidade do Servizo de Atención no Fogar. Tamén propón garantir a calidade nas residencias de maiores con 20 millóns de euros e destinar outros 30 a recuperar a Tarxeta Básica e 6 para o bono social eléctrico.
Besteiro propón a creación dun Plan Único para os concellos que garanta financiamento incondicionado e rematar co reparto de fondos “a dedo” por parte do goberno galego. Os socialistas galegos queren así máis que duplicar os 114 millóns de euros do chamado fondo base de financiamento local con 200 millóns de euros adicionais, ademais de compensar o canon de Sogama con 30 millóns de euros para que non teña que incrementar o recibo do lixo.
Prevención de incendios
O responsable socialista destina 215 millóns de euros adicionais á prevención de incendios e desenvolvemento rural, que incluirían 100 millóns para un Plan Integral socioeconómico de recuperación das zonas afectadas e outros 100 para a recuperación das zonas arrasadas pola vaga de lumes do pasado mes de agosto. Ademais inclúe 15 millóns de euros para garantir un modelo de equipos de prevención único, estable, en condicións laborais dignas e dependente da Xunta.
Os socialistas galegos propoñen destinar 50 millóns de euros adicionais ao transporte, dos que 30 millóns corresponderían á subvención das peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica seguindo o exemplo do Estado na AP9.
Tamén inclúe na súa proposta alternativa a mellora das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, ademais de apoiar á mocidade, á lingua galega, recuperar as políticas de memoria democrática e reforzar o deporte ou a cultura.
Orzamentos sen alma
Besteiro reclamou a devolución das contas “sen alma” do PP para o próximo ano pola súa “falta de ambición para resolver os problemas e atender ás necesidades das persoas”. Presenta ademais unha emenda transversal ambiciosa cun modelo diferente que demostra que “outra Galicia é posible e viable”, e advertiu que “o que falla é a vontade política” do goberno galego para blindar o benestar dos galegos e das galegas.