
O secretario xeral do PSdeG defendeu desde Xermade un dos dous proxectos piloto que van permitir a preto de 60 socios entre veciñanza e empresas a reducir o recibo eléctrico
O líder socialista criticou que a iniciativa, que ten a instalación fotovoltaica lista desde hai case un ano, leva meses agardando pola autorización do Goberno autonómico do PP
Ve “escandaloso” que pequenos concellos teñan que destinar ata o 25 % do seu orzamento ao servizo de axuda no fogar ante a falta de apoio da Xunta, que ten a competencia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, comprobou hoxe co alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, a situación na que se atopa a comunidade enerxética XERando, que impulsan o Concello e a Fegamp. O proxecto, cuxa instalación fotovoltaica está feita desde decembro de 2024, está listo para producir electricidade, aínda que agarda desde hai meses pola autorización da Xunta de Galicia. Así, Besteiro criticou que “a celeridade que ten Rueda con proxectos coma Altri non a ten para as comunidades enerxéticas que lle aforran á xente na factura da luz”.
Para o tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento autónomo, a Xunta “debería ter moito máis interese” en “impulsar e potenciar” este tipo de iniciativas, “e non tardar tanto en contestar as peticións”. En declaracións tras reunirse co rexedor, destacou a importancia dunha comunidade “pioneira” que conta xa con preto de 60 socios “entre particulares, pemes e administracións, que van conseguir un importante aforro enerxético”.
Besteiro, ao que acompañou na visita a deputada Patricia Iglesias, reclamou o apoio “decidido” por parte do Goberno autonómico, “non de forma tímida como fai”, a proxectos que permiten “asentar máis xente no rural, desenvolver a industria e o comercio local e, sobre todo, abaratar a factura eléctrica”. Sinalou especialmente a necesidade dunha “maior axilidade e máis dilixencia” como xeito de “apostar polo territorio interior”, e a iso uniu a demanda de melloras nas infraestruturas. No caso de Xermade, citou o estado da estrada LU-170, principal vía de comunicación do municipio e de titularidade autonómica, e “ese centro de día tan necesario”.
“Máis atención ao rural, máis apoio aos proxectos que perseguen a transición enerxética e, en definitiva, facerlle a vida máis fácil á xente do rural, ao interior que tanto o precisa”, resumiu o secretario xeral do PSdeG.
XERando é unha iniciativa coa que o Concello de Xermade e a Fegamp participan no proxecto europeo CeL Rural-Poctep, financiado con fondos Next Generation canalizados a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. É, xunto ao de Moeche, un dos dous proxectos piloto aos que a Fegamp destinou os 100.000 euros que recibiu para impulsar comunidades enerxéticas. A iniciativa conta tamén coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Galicia. Para poder vender a electricidade que xera e aforrar custes aos socios, precisa dunha autorización da Dirección Xeral de Minas, pendente desde hai arredor dun ano.
A desatención do SAF por parte da Xunta
José Ramón Gómez Besteiro tamén se referiu, a preguntas dos medios, á situación do servizo de axuda no fogar en pequenos municipios do rural que se atopan nunha situación límite para poder atender esa competencia impropia. “Concellos coma o de Xermade teñen que destinar ao SAF o 25 % do seu orzamento”, destacou, e denunciou que se trata dunha proporción “realmente escandalosa”. O líder socialista denunciou que, “mentres, a Xunta, que ten a obriga de financiar ese servizo, di que non ten nada que ver”.
Besteiro sinalou a “incoherencia máxima” do Goberno de Rueda, que alega que o Estado lle debe 2.700 millóns para financiar a dependencia. “Eu sempre dixen o mesmo. Se iso é verdade, cousa que eu dubido, o que ten que facer a Xunta de Galicia é demandar ao Estado por esa cantidade”, afirmou o secretario xeral do PSdeG. Mais advertiu que a obriga de Rueda “é pagar aos concellos, que son os que teñen que recibir o financiamento da Xunta”.
“Que un concello teña que destinar un cuarto do seu presuposto ao SAF é un gran problema para a veciñanza”, dixo sobre unha cuestión que afecta en maior medida aos municipios máis pequenos e rurais. “Mentres, Rueda di que non é un problema del, que non ten que financiar algo ao que, por lei, está obrigado”, criticou sobre o que constitúe “unha afrenta máis da Xunta, que lles nega servizos e financiamento aos municipios”