O parlamentario socialista chama a organizar unha visita da Comisión de Educación aos centros educativos para “que vexa a masificación e as necesidades reais” nestes centros e o PP “rectifique a súa postura” apoiando o reforzo o profesorado
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle hoxe á Consellería de Educación que reforce o profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica -PT- e Audición e Linguaxe -AL- e os mestres de apoio nos centros educativos de Rianxo. Bouza presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación diante da falla de atención e a saturación destes centros que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista desafiou ao PP a aceptar unha visita institucional dos membros da Comisión de Educación para “ver a masificación e as necesidades reais” nestes centros educativos, para que “escoiten á comunidade educativa” en primeira persoa e así “rectifiquen a súa postura” para aceptar a necesidade de reforzar os recursos.
Bouza explicou que o CEIP María Diéguez conta con 13 estudantes que necesitan atención de Pedagoxía Terapéutica, o que supoñen 75 horas semanais de atención, pero só dispoñen de 34, un 45 por cento do que necesitan. No CEP Brea Segade é urxente un especialista en Audición e Linguaxe a tempo completo, pero só teñen concedida media xornada.
Mentres, no CEIP Ana María Diéguez só se imparten 16 horas de AL das 43 que necesitan, co que hai nenos e nenas desatendidos, ademais da saturación das aulas, con 26 alumnos en cuarto de Primaria, tres deles con Necesidades Educativas Especiais, polo que “superan as ratios acordadas cos sindicatos” por parte da Xunta e que a Consellería “está a incumprir”.
Reclamoulle ao goberno galego reverter os recortes e dotar aos centros educativos de Rianxo do profesorado especialista en PT e AL necesario para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais. Esixiulle que cumpran coas ratios acordadas cos sindicatos educativos e permitan os desdobres necesarios para que non haxa aulas saturadas, e que constitúan un Departamento de Orientación propio para os tres centros con persoal a tempo completo.