
Carmen R. Dacosta lamenta que o goberno galego “segue sen ter aprendido nada” da vaga de lumes do verán e demostra que “só saben facer anuncios baleiros”
A portavoz de Política Forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe que a Xunta volve incumprir “un ano máis” a obriga legal de aprobar e publicar o Plan de Prevención e Defensa contra os incendios forestais antes do 31 de outubro. Dacosta presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que “tomen dunha vez en serio” as políticas de prevención contra os lumes.
Dixo que o seu desleixo, un ano máis, á hora de tomar medidas preventivas contra os lumes forestais demostra que “non teñen aprendido nada” logo da maior vaga de lumes rexistrada en décadas en Galicia. Lembra que “os lumes extínguense no inverno”, e criticou que a falla de xestión e de medidas dende a Consellería do Medio Rural está a demostrar unha “xestión irresponsable e perigosa da política forestal” e que “só saben facer anuncios baleiros”.
Dacosta esixiulle ao goberno galego que “non deixen no esquecemento tanto sufrimento, tantas propiedades perdidas e tanto dano feito polos incendios forestais” do pasado verán. Esixiulles que atendan a tódolos expertos, aos grupos parlamentarios e á experiencia dos lumes de Ourense, que teñen demostrado “pola vía dos feitos” que os lumes de nova xeración son imposibles de extinguir unha vez se inician, polo que “a única medida realmente eficaz é evitar que se produzan”.
Denuncia que a Xunta “persiste no erro”, e “cada día que pasa sen presentar as medidas preventivas para o próximo verán aboca un pouco máis a Galicia a repetir unha catástrofe forestal derivada da neglixencia duns responsables de Medio Rural que non están á altura da responsabilidade que teñen entre as mans”.
A parlamentaria socialista lembrou que dende a aprobación do Real Decreto – Lei 15/2022, as comunidades autónomas están obrigadas a aprobar e publicar os Plans anuais de prevención, vixilancia e extinción antes do 31 de outubro do ano precedente e garantir “unha planificación anticipada, unha coordinación adecuada e unha distribución eficiente dos recursos”.
Denuncia que Galicia nunca asumiu esta obriga, que vén incumprindo reiteradamente dende que foi aprobada, o que “evidencia un déficit de planificación e unha desconexión preocupante e perigosa entre a Xunta e a normativa estatal vixente”. Sinala que este Plan “non é só unha obriga legal: é unha condición previa para que o dispositivo galego poida funcionar con eficacia”.
A falla da súa publicación “provoca atrasos na contratación, debilita a coordinación interadministrativa, impide á cidadanía coñecer as medidas aplicadas e dificulta a planificación operativa de todo o sistema”.
Por iso presentou estas propostas nas que reclama o cumprimento do Real Decreto – Lei así como das directrices comúns incluídas no Real Decreto 716/2025. Esta última norma, aprobada este ano, obriga a integrar o lume na planificación territorial, reforzar a prevención dende protección civil, adaptar os dispositivos aos incendios de alta intensidade, a formación continua do persoal, a resiliencia das masas forestais e a participación activa dos sectores implicados.