A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, situou hoxe á Xunta de Galicia nunha “realidade paralela, noutra dimensión” propia da serie americana Stranger Things. Así o dixo logo de escoitar a valoración da xestión da pandemia por parte do director xeral de Emerxencias, que hoxe compareceu en Comisión parlamentaria para dar conta das actuacións da Sala de Control de Operativos –Sacop-.
Castro explicou que, mentres a Xunta ofreceu unha xestión moi mellorable dende que asumiu o mando da pandemia hai seis meses, “a nivel executivo e de resolución efectiva de problemas, as entidades executoras foron o Goberno do Estado e os concellos”. A Xunta dedicouse mentres a recibir 92 millóns do Estado, que “non sabemos onde están”, e ditarlles ordes aos municipios sen entregarlles os orzamentos necesarios, malia que incrementaran o gasto social nun 80 por cento.
Explicou así que foron a Brilat e a UME os que se encargaran das desinfeccións de residencias de maiores, albergues ou centros de Dependencia no primeiro momento, apoiados polos equipos municipais de bombeiros, mentres os concellos tiñan que asumir sen apoio do goberno galego a limpeza e desinfección de escolas e centros educativos.
A parlamentaria socialista reclamoulle á Xunta que vixíe o nivel de coordinación, “moi mellorable” nun país “onde os concellos, xunto con tódolos galegos e galegas, non teñen que agardar ao que decida un comité clínico nin acudir ao DOG para informarse, senón mercar a prensa” que publica as medidas decididas polo goberno sen que os gobernos locais teñan tempo de reacción.
Explicou que o nivel de información “non é o axeitado”, o que provoca “confusión á cidadanía e tamén aos servizos de emerxencias”, cando “aínda non temos información dos rastrexadores”, o goberno galego leva sen convocar ao Centro de Coordinación Operativa –Cecop- dende o verán e ofrece “cero participación” aos axentes implicados.
Lealdade institucional
Reclamoulles “lealdade institucional” como “fundamental” para acadar unha coordinación entre as administracións “vital” para mellorar a eficiencia na xestión e permitir a optimización de esforzos e recursos. Sinalou que a Xunta “ten que traballar par que os concellos poidan ter cubertas as súas necesidades, porque é a Xunta quen ten competencias en sanidade, e ten que garantir que os concellos conten con recursos para ofrecer cobertura e protección social aos veciños.
Paloma Castro subliñou o papel das forzas e corpos de seguridade do Estado postas en marcha dende o goberno central para garantir o seguimento das medidas da pandemia e colaborar “en todo o que fora preciso”. Mentres, os concellos e deputacións “están a poñer tódolos medios para o cumprimento das medidas, mobilizando recursos propios e poñendo ao seu servizo tódalas súas infraestruturas.