Paloma Castro critica que o goberno galego leva dez anos sen atender á necesidade deste servizo no Concello pontevedrés
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe á Xunta de bloquear a posta en marcha dun novo Centro de Día para maiores de carácter público en Pontecaldelas para evitar facerlle competencia ao centro privado rexentado polo responsable de aprobar estes servizos no goberno galego. Así llelo dixo a responsable socialista no debate dunha pregunta oral na Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento.
Castro preguntáballe ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, irmán do xerente do centro de día privado que opera no concello e ten as únicas 12 prazas residenciais da localidade. A responsable socialista sinalou que o responsable do goberno galego “coñece ben” este caso “porque leva o seu mesmo apelido”, e por iso “non queren” aumentar as prazas de centros de día públicos en Pontecaldelas.
A parlamentaria socialista reclamoulle hoxe á Xunta que habilite un novo Centro de Día de carácter público no concello de Ponteareas situado na vivenda social de Caritel, logo de afearlle ao goberno galego que leve 10 anos desatendendo as peticións do Concello para desbloquear este servizo fundamental.
Castro levou ao Parlamento a proposta do Concello, que entende que cumpre as condicións axeitadas e o seu acondicionamento sería pouco custoso para o goberno galego, que “ten a obriga de dar esa asistencia social tamén aos maiores que viven nos territorios rurais”. Estas vivendas foron adquiridas no ano 2008 por parte da Xunta para realizar a dúas familias que ían ser desaloxadas do poboado de O Vao, pero o rexeitamento social impediu daquela os realoxos.
Lembrou que o Concello leva unha década reclamándolle ao goberno galego que habilite un centro de día no concello, logo de que o goberno do PP paralizara a creación deste servizo proxectada polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño. Aquel goberno deixara habilitado e plenamente dotada a Casa da Quintán, situada no núcleo urbano, pero o PP decidiu abandonala, e 10 anos despois destinou o inmoble para aloxar un centro de menores tutelados.
Explicou que aquela decisión foi tomada sen ter en conta se cumpría os requisitos, o que está a provocar “moitos problemas” no concello, ademais de que a necesidade de asistencia aos maiores quedou sen atender. Explicou que o centro de día constitúe un recurso fundamental para moitas familias, que entre outras cousas permite a conciliación da vida laboral e os coidados dos seus familiares, que teñen garantida unha vellez máis feliz e máis digna.