O viceportavoz do Grupo Socialista e portavoz de Medio Ambiente, Pablo Arangüena, reclamou hoxe o apoio do goberno galego ás confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos, en situación crítica logo da drástica caída da produción nos últimos anos. O responsable socialista mantivo un encontro cos representantes dos pósitos de Barallobre e Mugardos, no que se comprometeu a buscar a colaboración do goberno central e lembrou a responsabilidade da Xunta.
Dixo que a situación da Ría de Ferrol “é un exemplo máis de como a inacción e a pasividade da Xunta fai que unha ría na que chegaron a traballar máis de 1.000 mariscadores hoxe teña a produción marisqueira case totalmente paralizada”. Apuntou a “problemas de todo tipo, entre os que destacan a contaminación, a falla dun Plan de Dinamización Marisqueira e para a rexeneración dos lodos acumulados”.
Esta difícil situación viuse agravada nos últimos anos pola incidencia do patóxeno Perkinsus Olseni, que ten reducido a produción de ameixa no banco marisqueiro de As Pías nun 90 por cento en apenas dous anos, como advirten os propios mariscadores.
Arangüena puxo o acento no grave problema de contaminación das rías galegas, que cualificou de “atentado ecolóxico e económico”. Defendeu a necesidade dun Plan integral de saneamento das rías e ríos de Galicia, que se insira na política “de rexeneración e posta en valor do patrimonio natural e a biodiversidade e na liña dunha nova economía verde e azul”.
Sinalou que “o deixamento do goberno de Feijóo respecto do medio ambiente e a economía costeira nestes 11 anos de goberno raia coa neglixencia”, algo “incomprensible tras recibir neste 20 anos inxentes fondos europeos para corrixir está situación”.
Arangüena salientou a defensa da pesca e da costa galegas polos representantes galegos tanto en Madrid coma en Bruxelas, “como corresponde cun sector enormemente estratéxico para Galicia, que está infrautilizado porque o seu potencial se ve mermado pola pasividade da administración autonómica ante a contaminación”.