O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe ao goberno galego que desenvolva “dunha vez e antes do remate do curso” o decreto de 2013 -132/13- que regula as distintas modalidades de xestión dos comedores escolares. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para desbloquear esta situación que de facto impide ás Anpas asumir a xestión do servizo.
Álvarez acusou ao goberno galego de facer unha “regulación de mera propaganda, de cartón – pedra”, presentando un decreto en teoría dirixido a habilitar a xestión do servizo coa cooperación en colaboración das administracións públicas, os colectivos e asociacións afectados e ás propias familias. A realidade é que ao deixar a norma sen desenvolver, o regulamento que se aplica é o anterior, de 2007, que dificulta aplicar unhas fórmulas que xa son plenamente legais.
Deste xeito, as Anpas que queren asumir a xestión do servizo de comedor están ao albur da resposta dos centros cando se trata dun servizo que a Administración considera esencial para a conciliación da vida familiar e laboral. Isto é así porque o decreto 10/2007, desenvolto por unha Orde do 5 de marzo de 2007, publicada no DOG do 21 de febreiro, considera “unha excepción” a colaboración con concellos, deputacións ou entidades como as Anpas.
IES de Pontevedra
A consecuencia desta intrincada situación, explicou, deriva en casos como o do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, onde a Anpa viu denegada a solicitude para poñer en funcionamento un servizo de comedor escolar no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. Ao mesmo tempo, o CEP Campolongo si que permite acoller no seu comedor a exalumnos que cursan os estudos de Educación Secundaria Obrigatoria noutros centros.