“Vostedes demostran unha vez máis que non son de fiar”. Esta foi a crítica da portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, logo de que o PP rexeitara unha moción socialista para pedir a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, apenas unha semana despois de que a súa candidata ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, propuxera esta mesma medida en Vigo.
Lamentou que apenas “catro días despois de amosar a súa aposta pola gratuidade das gardarías para fomentar a conciliación, e despois do día das eleccións, din que non, que era mentira”. No mesmo sentido, dixo, o presidente da Xunta incumpriu co seu compromiso de implantar escolas infantís nos polígonos industriais, fracasando mesmo na posta en marcha de escolas infantís na contorna dos centros de traballo propios da Xunta de Galicia.
Sinalou que o voto do PP contrario a esta proposta vai sen embargo acorde coa política na única gran cidade que gobernan, Ourense, onde “non fixeron ningunha praza pública”, mentres os socialistas construíron en Vigo 8 escolas e dedican máis de 1,5 millóns de euros para subvencionar o 82 por cento da matrícula.
A responsable socialista reclamou políticas a favor da conciliación e de incrementar a taxa de ocupación feminina, reducindo as desigualdades sociais e mellorando as oportunidades dos nenos e nenas máis desfavorecidos. Sinalou que “é certo que a pobreza infantil nin se pega nin se contaxia, pero pode herdarse”, e os representantes institucionais “deberan estar traballando” para superar esta lacra.
Por iso reclamoulle ao goberno galego que colabore co Goberno de España para universalizar a educación infantil gratuíta a favor das familias máis vulnerables, para que en 2025 a metade dos menores de 3 anos teñan praza nunha escola pública. Advertiu que mentres o goberno do PP lles subía o prezo das escolas infantís públicas ao tempo que eliminaba impostos ás 300 familias máis ricas de Andalucía, o goberno de Pedro Sánchez propón universalizar as escolas infantís.
A proposta socialista pedíalle á Xunta ademais incrementar as prazas públicas ata eliminar a lista de espera, garantir a cobertura de toda a demanda durante a época de vacacións escolares, diminuír os prezos das escolas infantís públicas, e elaborar un plan de escolas infantís públicas en polígonos industriais e parques empresariais, así como nos centros de traballo da Administración Autonómica.