Patricia Iglesias alerta de que o non de populares e nacionalistas prexudicará ás enerxías limpas e ao medio ambiente, e complica a instalación de centros de datos na comunidade
Nicolás González Casares critica que se impide o reforzo do sistema eléctrico e advirte dos efectos negativos sobre o autoconsumo e sobre os custes das empresas electrointensivas
A deputada autonómica Patricia Iglesias e o europarlamentario Nicolás González Casares criticaron hoxe a irreponsabilidade de PP e BNG despois de que ambas formacións se aliasen no Congreso con Vox para rexeitar a convalidación do Real Decreto-lei 7/2025, de 24 de xuño, polo que se aprobaron medidas urxentes para o reforzo do sistema eléctrico, popularmente coñecido como “decreto antiapagamentos”. Ambos coincidiron en cualificar de “despropósito” a decisión de populares e nacionalistas.
A norma impulsada polo Goberno recollía unha serie de medidas que, ademais, pretendían protexer investimentos en renovables nun momento de incerteza, especialmente no caso de Galicia, onde o desenvolvemento eólico “está encallado xudicialmente porque nin Feijoo nin Rueda foron quen de solucionar esa situación en 16 anos”, recordou Iglesias.
A parlamentaria socialista advertiu que o non de populares e nacionalistas ao decreto, que permitía “gañar tempo” ante a próxima caducidade de numerosos permisos, “paraliza o potencial eólico da nosa terra”. Nese senso, sinalou que no conxunto do país corren perigo investimentos por valor de 3.000 millóns de euros para a instalación de 5 xigawatts.
Patricia Iglesias lamentou que, neste momento, Rueda non sexa quen de “antepoñer os intereses dos galegos e das galegas aos de Feijoo”, e non porque o PP estea en desacordo co contido do decreto, “senón pola súa estratexia de bloqueo ao Goberno: canto peor, mellor”.
Nicolás González Casares coincidiu en que, mentres os populares din defender en Europa e en Galicia os parques eólicos, “en Madrid vota contra eles da man do BNG”. De feito, varias das medidas que contiña o decreto eran transposicións de normas europeas que o PP apoiou en Bruxelas, e algunhas beneficiaban directamente a Galicia.
O eurodeputado do PSdeG apuntou, ademais, que os prexuízos da negativa de PP e Bloque son numerosos. “Dixeron non a impulsar o autoconsumo, a reforzar o sistema eléctrico e a reducir os custos enerxéticos das empresas electrointensivas”, puxo como exemplos.
“Con iso están a poñer en risco o noso futuro: o medio ambiente, a transición ás enerxías limpas, a industria e mesmo a instalación de centros de datos en Galicia”, alertou Iglesias.