

Otero insistiu en que o PSdeG non xulga, “pero tampouco mira para outro lado”, e destacou que o partido conta con ferramentas específicas para garantir o anonimato e a confidencialidade das vítimas: “Animamos a todas as vítimas a denunciar, respectando sempre os seus tempos, porque son elas quen deben tomar esa decisión”
A deputada Patricia Otero reafirmou hoxe a tolerancia cero do PSdeG-PSOE fronte a calquera conduta de acoso ou violencia machista, e subliñou que o partido actuou “con rapidez, responsabilidade e poñendo sempre no centro a protección das vítimas” desde o momento en que tivo coñecemento formal das denuncias.
Otero explicou que, nos casos nos que existiu unha denuncia presentada a través da canle interna do partido, as actuacións producíronse en cuestión de horas, esixindo aos presuntos acosadores o abandono inmediato de todos os seus cargos orgánicos e institucionais: “Os feitos avalan o comportamento do PSdeG, afecte a quen afecte”.
No caso no que inicialmente non existía denuncia formal, Otero precisou que o que houbo foron conversas trasladadas por unha terceira persoa, ás que a dirección do partido respondeu escoitando, acompañando e insistindo de maneira reiterada na necesidade de que fose a propia vítima quen presentase denuncia. “Sen denuncia non se poden activar os protocolos; a lei é moi clara e só a vítima pode denunciar nos casos de acoso sexual”, lembrou, en referencia ao artigo 191 do Código Penal.
A deputada insistiu en que o PSdeG non xulga, pero tampouco mira para outro lado, e destacou que o partido conta con ferramentas específicas para garantir o anonimato e a confidencialidade das vítimas. “Animamos a todas as vítimas a denunciar, respectando sempre os seus tempos, porque son elas quen deben tomar esa decisión”, afirmou.
Otero puxo en valor que o PSdeG actuou con criterios de responsabilidade política e ética, en contraste con outras forzas políticas, e reiterou que a prioridade absoluta da dirección socialista é acompañar, protexer e apoiar ás vítimas, así como perseguir calquera conduta de acoso sexual ou violencia machista.
Finalmente, subliñou o carácter plural e aberto do partido e lembrou que o Comité Nacional Galego, máximo órgano entre congresos, será o espazo no que a militancia poderá expresarse con liberdade. “Ninguén quere que se cale ninguén. O PSdeG é un partido democrático, plural e comprometido coa protección das vítimas”, explicou.