
Patricia Iglesias denuncia que mentres os rapaces dan clase con cubos nas aulas, a Consellería promete “un parche de 35.000 euros” para reparacións menores
Critica que o PP vote en contra das peticións da cidadanía de Cee para a reforma integral do inmoble, un edificio histórico de 140 anos
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou á Consellería de Educación de “tomarlle o pelo” á cidadanía de Cee ao ofrecer unha actuación de apenas 35.000 euros no IES Fernando Blanco, un inmoble con 140 anos de historia ao que os rapaces teñen que asistir a clase con cubos nas aulas. A responsable socialista levou as demandas da comunidade educativa deste centro á Comisión de Educación do Parlamento, onde foi rexeitada polo PP.
Iglesias reclamou a reforma dos tellados, a retirada da cuberta para instalar materiais seguros, reparar o sistema eléctrico, modernizar a calefacción, rematar coa masificación das aulas, cubrir persoal básico por exemplo na conserxería, e garantir a seguridade na contorna, onde o tráfico xa ten provocado situacións de risco reais.
Lamentou a falla de apoio do PP ás demandas da comunidade educativa amosando unha “irresponsabilidade política que esta Cámara non pode asumir”, e elevando a situación do centro a unha “decisión política” por parte dunha Consellería que prefire “mirar para outro lado”. Iglesias reclamou hoxe “diagnóstico, planificación e investimento real” e que este inmoble histórico “non siga deteriorándose por abandono institucional”.
Reivindicou que os rapaces e rapazas de Cee “poidan estudar nun centro seguro e digno”, sen cubos nas aulas e sen instalacións deterioradas, e sinalou que “defender o IES Fernando Blanco non é só arranxar un edificio, é defender á educación pública”. Lamentou que o PP prefira posicionarse “no lado das escusas, en lugar de situarse no lado das solucións”.