
Carmen R. Dacosta critica o rexeitamento por parte do PP dunha iniciativa parlamentaria para formalizar os contratos temporais de xestión pública do monte
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou o voto en contra do PP á proposta que levou á Comisión de Agricultura para reclamarlle á Xunta que formalice os contratos temporais de xestión pública do monte. Dacosta acusou ao PP de rexeitar a “mellora da planificación forestal, a modernización da xestión do monte e a prevención real dos incendios”.
A responsable socialista explicou que o goberno galego leva máis de 12 anos adiando a execución da Lei de Montes, que obriga a completar o proceso de cancelación dos antigos convenios e consorcios de xestión do monte, pensados para a repoboación forestal e a produción de madeira. Este modelo, dixo, debe dar paso a un novo regulamento dos contratos temporais de xestión pública forestal con contratos vencellados á ordenación forestal.
Explicou que Galicia ten hoxe 1.295 montes “atrapados nun modelo forestal obsoleto” porque a Xunta leva máis dunha década prorrogando un modelo forestal pensado para o século pasado. A realidade actual, con incendios de sexta xeración, o abandono do rural e a falla de planificación forestal obriga a mudar a un novo modelo de xestión pensado para aproveitar a economía do rural, a prevención dos incendios, a defensa da biodiversidade e a protección da paisaxe.
Esixiu que “cumpran dunha vez coa Lei, modernicen a xestión forestal e deixen de funcionar a baixe de moratorias permanentes” para comprometerse cun modelo de explotación do monte compatible coa protección do territorio, a redución da erosión, a conservación da auga e en definitiva cunha Galicia máis resiliente co cambio climático.
Alertou de que o conformismo do PP cun monte abandonado ou mal xestionado provoca “non só a perda de valor económico, senón que a acumulación de combustible forestal, a degración do territorio e o risco de grandes incendios”. Esixiu un calendario real para aplicar un modelo que permita mellorar a xestión do territorio, a protección do monte, a prevención real dos incendios, a creación de riqueza e actividade económica no rural e un monte máis moderno e sostible.